O CNTG acolle en marzo cursos sobre novos formatos e seguridade en redes locais

martes, 8 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A plataforma iMotion Comic e o cómic dixital Quotidianía Delirante, a debate no CNTG

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), emprazado no barrio de Conxo en Santiago de Compostela, informa do convocatoria de dúas actividades formativas para este mes de marzo, ámbalas dúas ligadas a ferramentas e recursos tecnolóxicos de vangarda para os profesionais galegos das novas comunicacións. A primeira das accións é o Seminario sobre novos formatos audiovisuais para novas plataformas (iMotion Comic e iMotion Kids). Trátase dunha xornada a celebrar o día 17 de marzo, a partir das 10.00 e ao longo de 8 horas (con pausa para o xantar). Esta actividade, apunta o CNTG, xorde co obxecto de dar a coñecer as plataformas iPad/iPhone e a canle de distribución AppStore, avaliar o caso de éxito de Quotidianía Delirante de MiguelAnxo Prado para iPhone/iPad (iMotion Comic) e The brave tin soldier para iPad (iMotion Kids) e amosar o potencial dos formatos a través da súa práctica in situ.
A inscrición xa se pode formalizar na web de Proxecto Universidade Empresa.
A outra actividade prevista é a Xornada sobre seguridade en redes de área local con tecnoloxía Ethernet, unha cita convocada para o 24 de marzo que dará comezo ás 16.30 horas e que segundo apunta o CNTG ten xa moi poucas prazas dispoñibles. A xornada, que se celebra no salón de actos do centro de novas tecnoloxías, é a segunda dunha xeira de charlas técnicas que están a ter lugar no complexo, encamiñadas a afondar no tema da seguridade nas redes de comunicacións. O contido da actividade centrarase nas redes de área local Ethernet: Vlans, IBNS e NAC. A inscrición na xornada pode facerse xa na web do CNTG.

PUBLICIDADE