O CNTG achega un seminario técnico para optimizar os procedementos dun administrador Linux

martes, 21 de xaneiro do 2014 Redacción

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) organiza o vindeiro 13 de febreiro, de 9.30 a 13.30 horas, unha actividade de gran interese para todos aqueles dos nosos profesionais TIC que queiran orientar o seu traballo cara ao eido da xestión da programación aberta ou ben completar os seus coñecementos sobre este tipo cometidos e tarefas. A actividade en cuestión desenvólvese no salón de actos do CNTG e, máis polo miúdo, trátase dun seminario técnico sobre procedementos de optimización de determinadas funcións de mantemento propias dun/dunha administrador/a Linux.
Segundo informan fontes do centro dependente da Consellería de Traballo, o marco xeral da sesión pretende amosar metodoloxías para obter información comprensíbel empregando estándares abertos que permiten a interoperactividade de sistemas, a redución de custos e o fomento das empresas tecnolóxicas locais. No desenvolvemento da sesión amosaranse breves presentacións con miúdos percorridos por diferentes aplicacións que permiten mellorar a eficiencia e produtividade dunha empresa ou autónomo.
A xornada está orientada a formar naqueles contidos relacionados coa optimización das funcións propias dun/dunha administrador/a Linux que inclúen tarefas habituais de mantemento, críticas e non críticas, que ou ben non se automatizan ou non se fan coa frecuencia e control necesarios. O evento vai dirixido sobre todo a traballadores/as de PEME e autónomos/as cun perfil de administradores/as de sistemas e, en xeral, a calquera persoal técnico interesado en adquirir coñecementos sobre a materia. O propósito da xornada consiste en trasladar un catálogo de boas prácticas no día a día da administración Linux dos sistemas dunha organización cunha clara orientación práctica e de aplicabilidade laboral.
O relator da xornada será Kenneth Peiruza, consultor IT, formador GNU/Linux, e colaborador habitual, como docente LCI (LPI certified instructor) de cursos LPI, do CNTG. Posúe ampla experiencia en labores de implantación, administración e optimización en materia de seguridade de sistemas informáticos para empresas, tendo exercido ao longo dos seus máis de quince anos de traxectoria profesional como xefe de proxectos de auditoría de seguridade para entidades do sector da banca, seguros, colexios profesionais etc.. Como de costume, o acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local.

PUBLICIDADE