O CLAG celebra mañá a súa exposición anual de obras audiovisuais

mércores, 7 de maio do 2008 Raquel Noya

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG), en colaboración coa Obra Social de Caixa Galicia, vai celebrar a cuarta edición do pitching anual I+P, ideas para producir, que terá lugar, tal e como anunciamos días atrás, mañá xoves 8 de maio na Coruña.
Esta iniciativa levarase a cabo ao abeiro do convenio de colaboración entre o CLAG e Caixa Galicia, a través da súa Obra Social, que vén de ser asinado polo presidente do CLAG, Antón Reixa, e polo director xeral adxunto de Acción Sociocultural de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias, na súa arela por “dinamizar a industria audiovisual galega”.
Mañá xoves, esta xornada converterá A Coruña nun punto de encontro para creadores, produtores e distribuidores da industria audiovisual europea, e nunha oportunidade estratéxica para os 15 proxectos que se van presentar, seleccionados por un comité de expertos, entre máis de medio cento de traballos presentados.
Entre os potenciais compradores, destaca a asistencia ao pitching de directivos de TVE, Aragón TV, TV Valenciana, Telemadrid, Catalán Films & TV, Telefónica, SGR, Grundy Entretenimiento, TV Canarias, Filmax Entertainment, Filmax Televisión, Benecé Produccións, ETB, Destino Galicia, 7 RM, ou New Atlantis.
Logo da presentación de todos e cada un dos proxectos, desenvolveranse ás 15:30 horas unha serie de sesións bilaterais entre os autores e os potenciais compradores para levar a bo porto os posibles acordos que xurdan neste encontro.

PUBLICIDADE