O CLAG amosa en marzo as oportunidades da gamificación para as nosas empresas
xoves, 27 de febreiro do 2014
Hai oportunidades nos
videoxogos? Cales destas oportunidades e de que xeito se lles
presentan ás nosas empresas do audiovisual? Todo é susceptíbel de
ser gamificado? Estas
e outras preguntas están no alicerce do foro estratéxico que
organiza o Clúster Audiovisual Galego (CLAG) este 14 de marzo en
Santiago (na Cidade da Cultura), un encontro que xa ten aberto o
prazo de inscrición (remata o día 13) e cuxa preparación
acompáñase do seguinte dato a ter en conta: o mercado dos
videoxogos acadou en España en 2011 a cifra de 890 millóns de
euros, dos cales o 60% corresponden aos videoxogos físicos e ás
descargas en consola. O encontro desenvolverase baixo o epígrafe O
escenario dixital: gamificación, oportunidades de negocio no
segmento de videoxogos.
Segundo informa o CLAG
meténdose en materia, no foro reflexionarase sobre o potencial do
devandito sector das consolas e dos móbiles como novo escenario de
actividade, rendíbel e con proxección de futuro, para as nosas
empresas do audiovisual, da cultura e das novas tecnoloxías. Tamén
se falará dos restos específicos para as empresas galegas que se
derivan da gamificación, un termo que é como se coñece o
proceso de converter e presentar diversos produtos, servizos,
proxectos ou achegas de formación e divulgación coma se de
videoxogos se tratase. Literalmente videoxogos (xa non só
virtualmente). Esta tendencia, di o CLAG, vese favorecida ademais
polas posibilidades que supón a distribución en liña.
Entre os obxectivos deste
foro tamén está a presentación de diferentes liñas de
Investigación e Desenvolvemento (I+D) levadas a cabo por centros
tecnolóxicos de referencia, así como dar a coñecer as
oportunidades de financiamento existentes no marco de programas
europeos como Horizonte 2020, Europa Creativa e outros específicos
para gaming e gamificación.
Programa
A sesión dará comezo ás
9:30 horas e a súa inauguración correrá a cargo do presidente do
Clúster Audiovisual Galego, Andrés Barbé, e do director da Área
de Competitividade do Igape, Norberto Penedo. A continuación, o
secretario xeral da Asociación Española de Empresas Desenvolvedoras
de Videoxogos e Software de Entretemento (DEV), Antonio Fernández,
abordará nun relatorio a Situación actual e perspectivas da
industria española do videoxogo. A sesión continuará con dúas
mesas redondas, moderadas por Antonio Fernández, nas que se
presentarán distintos casos empresariais de éxito a nivel nacional
e autonómico. Na primeira mesa redonda participarán o director
xeral de Ficción, Julio Casal, e os fundadores de Ralight Solutions,
Francisco Javier Rodríguez e José Manuel Louro, que disertarán
sobre Edutainment: videoxogo como produto educativo e didáctico.
Mentres, na seguinte mesa redonda sentarán o socio director de
Estudio Gato Salvaxe, Fernando Prieto, para falar de crowdfounding
e o fundador de Wildbit Studios, Fernando Rada, que abordará o
tema desde a perspectiva do videoxogo como produto transmedia.
Así mesmo, a
representante do departamento de e-Turismo e Patrimonio de
Vicomtech-Ik4, María Teresa Linaza, dará a coñecer as
oportunidades de financiamento para proxectos innovadores de gaming
e gamificación. Os asistentes terán a oportunidade de amosar
as súas dúbidas e comentarios sobre este tema durante o coloquio
que se celebrará antes da clausura do foro.