O CITIC xa está preparado para unha nova edición do programa Conecta PEME

martes, 28 de xaneiro do 2014 Redacción

Tras o bo resultado da primeira edición de Conecta PEME, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) presentou para este ano unha nova edición desta iniciativa que levou ao Cento de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) a colaborar con varias PEME galegas no desenvolvemento de varios proxectos de investigación que se presentarán en próximos días a esta convocatoria.
Conecta PEME supón unha grande acción de apoio a proxectos de I+D destinado a consorcios entre PEME e Centros de Investigación como o CITIC. Ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación deste programa para fomentar a agrupación empresarial a través de proxectos de investigación e desenvolvemento (I+D) de PEME en áreas estratéxicas para Galicia.

Excelencia en I+D aplicada ao desenvolvemento de software

O CITIC ten unha grande experiencia neste tipo de convocatorias orientadas ao sector empresarial, despois de participar en diferentes edicións das convocatorias FEDER-Innterconecta ademais de na primeira edición de Conecta PEME. Desenvolveu máis dun centenar de proxectos de transferencia tecnolóxica con pequenas, medianas e grandes empresas galegas e nacionais, establecéndose como socio do tecido empresarial español a través das súas investigacións. As características dos proxectos para presentar a Conecta PEME poden consultarse na páxina web do CITIC.

PUBLICIDADE