O CITIC xa é socio corporativo da Asociación Saúde Dixital

xoves, 20 de abril do 2017 Redacción

Presentación do CITIC na iniciativa ELAN Network celebrada en Costa Rica

O Centro de Investigación TIC, CITIC, é dende pasado mes de marzo socio corporativo da Asociación Saúde Dixital, ASD, unha entidade de ámbito estatal que ten como finalidade impulsar o emprego das novas tecnoloxías da información para mellorar a prevención e a atención en múltiples frontes. A incorporación do centro galego materializouse da man de Atrys Health, empresa referencial no consorcio establecido para o desenvolvemento do proxecto eDSalud no que participa precisamente o CITIC. Segundo informou na presentación deste proxecto o coordinador do centro galego, Manuel F. González Penedo, “o CITIC converteuse no único centro de I+D+i que é socio corporativo da Asociación Saúde Dixital”.
Segundo engade o CITIC nun plano máis concreto acerca dos cometidos da asociación, a ASD ten como obxectivo prioritario “achegar coñecemento e experiencia no avance da prevención e promoción da saúde, facendo un uso exhaustivo dos avances da tecnoloxía e a súa cada vez maior accesibilidade”. Para o centro emprazado na Coruña, os ditos cometidos están en plena consonancia coa misión do CITIC, enfocada a subministrar coñecemento científico e capacidades altamente cualificadas en beneficio da sociedade, en particular no eido da saúde, onde o centro galego posúe unha longa traxectoria e dilatada experiencia.
Outras entidades de renome internacional como DKV, InterSystems e Indra son, xunto a CITIC e Atrys, socios corporativos da ASD. Segundo explican fontes do centro galego, “isto permitirá establecer contacto con profesionais multidisciplinares que están a innovar no ámbito das novas tecnoloxías e a saúde, e propiciará a posibilidade de compartir ideas, proxectos e experiencias”.
Engadir tamén que a colaboración do CITIC con ASD xa comezou a dar froitos concretos. Neste senso, unha das primeiras accións derivadas do seu papel como socio corporativo da ASD foi a presentación do CITIC na iniciativa ELAN Network (European and Latin American Business Services and Innovation Network) celebrada en Costa Rica do 7 ao 9 de abril. Dita presentación foi realizada por Lorena Muñoz, vogal da xunta directiva da asociación, no marco do seu relatorio O TIC e Big Data como eixo transversal de desenvolvemento de proxectos conxuntos.
Segundo informa o CITIC, “o evento foi un marco privilexiado para presentar as capacidades do CITIC, posto que a ELAN Network é un programa europeo cuxo obxectivo principal consiste na xeración de oportunidades de negocio baseadas en tecnoloxía entre PEME europeas e latinoamericanas”. Trátase, máis polo miúdo, dunha rede formada por actores de investigación e innovación europeos e latinoamericanos “líderes no seu sector”, con capacidade para “impulsar procesos de transformación e medre económico no ámbito tecnolóxico”.

PUBLICIDADE