O CITIC, no Info Day de Bruxelas centrado nas tecnoloxías e a saúde

xoves, 10 de setembro do 2015 Redacción

O CITIC, Centro de Investigacións TIC da Coruña, vai estar presente no Open Info Day de Bruxelas, máis polo miúdo nunha xuntanza fixada para o 18 de setembro desenvolvida ao abeiro do programa europeo Horizon 2020 e baixo o epígrafe Health, demographic change and wellbeing (Saúde, cambio demográfico e benestar). Segundo informan fontes do CITIC, trátase dunha cita de alcance mundial focalizada na innovación aplicada á saúde personalizada e orientada, de cara aos investigadores e os centros tecnolóxicos, a atoparlles socios de proxecto, achegarlles recursos sobre como desenvolver as súas propostas e a encontrarlles novas oportunidades empresariais.
No dito Open Info Day presentaranse, entre outros proxectos relacionados coas tecnoloxías a prol do noso benestar, as iniciativas Feel4Diabetes (da man de Yannis Mannos, da Universidade Harokopio) e UNCAP-Ubiquitous iNteroperable Care for Ageing People (a cargo de Giuseppe Conti, de Trilogi).
Respecto da participación do CITIC, cómpre lembrar que o centro tecnolóxico galego é arestora un importante escenario de actividade en materia de coidados, medicina e benestar, tal e como o demostra, por exemplo, a ferramenta CloudPatient, que permite que os cidadáns podamos xestionar por nós mesmos os datos relacionados coa nosa saúde, dunha maneira sinxela e segura. A solución CloudPatient, como lembraremos, vén da man dun consorcio de empresas, formado por SIVSA de Vigo, ALDABA da Coruña e IntellectiaBank, de Ourense, coa colaboración do CITIC e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC).
O proxecto, que viu a luz grazas ao financiamento obtido a través o programa europeo FEDER-Innterconecta, tradúcese nunha plataforma que permite aos usuarios crear unha contorna na nube no que responsabilizarse dos seus datos e poder acceder a eles dende calquera lugar. Datos como o historial médico ou aqueles procedentes de diferentes biosensores, como os actuais wearables, pulseiras cuantificadoras de exercicio físico, básculas, tensiómetros, etc.

PUBLICIDADE