O CITIC implícase na Mobile Week Coruña con obradoiros sobre robótica e IA

mércores, 21 de novembro do 2018 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña é unha das entidades da nosa terra máis implicadas na Mobile Week Coruña que comeza hoxe, unha iniciativa impulsada por Mobile World Capital Barcelona que se desenvolve até o 28 de novembro na Coruña e a súa área metropolitana. O CITIC acollerá diferentes actividades e talleres de formación.
Por unha banda, o CITIC organiza dous obradoiros de robótica dirixidos a nenos de terceiro curso de Primaria, no que as nenas e os nenos terán a oportunidade de coñecer algúns dos avances levados a cabos neste ámbito e probalos en primeira persoa a través de diferentes xogos. Segundo informa o centro coruñés, o obxectivo é “achegar as novas tecnoloxías aos máis pequenos e despertar o interese por elas”. Os talleres serán o 22 de novembro no Colexio Calasanz- PP. Escolapios de A Coruña e o 23 de novembro no CEIP Eusebio da Guarda de A Coruña.
Ademais, o sábado 24 de novembro, conxuntamente coa compañía R, realizaranse os talleres Crea R nas instalacións do CITIC. Os horarios son os seguintes: para nenos de 9 e 10 anos, ás 10.30 h; para nenos de 7 e 8 anos, ás 12.30 h; para nenos de 9 e 10 anos e unha charla para pais de forma paralela, ás 17.00 h.
Por último, o vindeiro luns 26 de novembro de 12.00 a 14.00 horas, xunto con Accenture Digital, celebrarase o obradoiro Como construír modelos de Intelixencia Artificial para Móbiles e IoT tamén nas instalacións do centro, no Campus de Elviña. Segundo informa o CITIC, búscase que “os participantes poidan adquirir unha visión global sobre o estado da arte da Intelixencia Artificial e construír un clasificador de imaxes a través de diferentes probas prácticas”.
O centro coruñés tamén lembra que a Mobile Week Coruña é un evento global que ten como temática o futuro cotián e desenvolverase en múltiples puntos da cidade e a súa contorna. Reunirá a artistas, científicos, filósofos, enxeñeiros e profesionais da industria nunha iniciativa aberta para todos os cidadáns, cunha programación transversal con actividades de balde que abordarán os retos, os límites e as oportunidades da transformación dixital.

PUBLICIDADE