O CITIC fortalece a captación de talento internacional a través do programa 3i-ICT

martes, 24 de outubro do 2023 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC segue a fortalecer e incrementar a captación de talento internacional para o desenvolvemento das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) en áreas como a biomedicina e a ecoloxía. Nesta ocasión faino a través do programa europeo 3i-ICT, o primeiro outorgado a unha institución galega co apoio da UE a través do Horizon 2020-MSCA-COFUND.
No marco deste proxecto, contrataranse a 8 persoas en etapa predoutoral, catro das cales foron seleccionadas na primeira convocatoria e, actualmente, atópanse traballando nas súas teses, mentres que as outras catro incorporaranse proximamente ao centro a través da segundo convocatoria. Para a súa contratación, o CITIC conta co apoio económico da Xunta de Galicia, que a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades aprobou a semana pasada o convenio de colaboración coa Universidade da Coruña para co-financiar a contratación. O orzamento destinado polo Goberno galego a este programa supera os 560.000 euros ata o ano 2026 e poderase destinar a co-financiar os contratos ou os complementos para cubrir gastos asociados como estadías noutros centros ou a inscrición en cursos de formación ou congresos, entre outros.
O programa europeo 3i-ICT xerou gran interese nas súas dúas convocatorias, ao recibir o CITIC máis dun centenar de solicitudes procedentes de todo o mundo, destacando as propostas recibidas de Asia (máis da metade), seguidas de Europa, América e África. Así o resalta o director do centro, Manuel F. Penedo, quen destacou que “a captación de talento é esencial para o noso centro de investigación, xa que cada un deles enriquece a nosa contorna e impúlsanos á vangarda da I+D e permite abordar desafíos globais. Desde o CITIC estamos centrados en crear un ambiente propicio para que o talento prospere e medre, fomentando colaboracións internacionais e oportunidades de desenvolvemento profesional”.
Por áreas de investigación, foron as de Intelixencias Artificial e Ciencia e Enxeñería de Datos (CID)
as que suscitaron máis interese, seguidas das de Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes. Ademais, as teses que desenvolverán as 4 novas contratacións teñen como áreas transversais de estudo a ecoloxía, as ciencias biomédicas, a farmacoloxía e a psicología social.
Innovador programa de doutoramento internacional
O 3-i ICT (Programa de Doutoramento en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións Internacional, Interdisciplinario e Intersectorial) é un innovador plan de doutoramento internacional que ofrece oito bolsas a persoal investigador predoutoral para levar a cabo os seus estudos no Centro de Investigación e en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. Conta co apoio da Unión Europea a través de Horizon 2020 baixo un acordo de Marie Sklodowska-Curie (H2020-MSCA-COFUND), que proporciona financiamento para programas rexionais, nacionais e internacionais de formación e desenvolvemento profesional mediante mecanismos de co-financiamento.
Ademais, o 3i-i ICT conta co apoio orzamentario da Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia.
A finais de maio deste ano presentáronse os tres primeiros proxectos de teses dos oito previstos neste programa europeo, que ofrece unha ampla formación en habilidades investigadoras e de transferencia e supoñerá unha sólida vantaxe competitiva no desenvolvemento profesional dos participantes. Os modelos para a prevención da artrite, procesamento da linguaxe natural e sensores virtuais sen fíos centraron estes primeiros traballos do 3i-ICT.

PUBLICIDADE