O CITIC formou parte do encontro sobre intelixencia cognitiva organizado por IBM

luns, 14 de marzo do 2016 Redacción

O Centro de Investigación TIC da Coruña (CITIC) era convidado pola multinacional IBM a participar no Encontro de CXO’’s en Galicia, celebrado o pasado 8 de marzo en Santiago de Compostela. A dita xuntanza tivo como eixo central a Transformación Dixital, coa computación cognitiva e as contornas cloud (computación na nube) como elementos de diferenciación fundamentais, temática aliñada coa área Tecnolóxica de Percepción, Cognición e Iteración do CITIC. E indo á presenza do CITIC neste encontro, dicir que Jesús M. Díaz (responsábel da oficina de Transferencia Tecnolóxica do CITIC) foi a representante elixida do centro coruñés para asistir ao evento organizado por IBM.
De feito, o obxectivo desta compañía das novas tecnoloxías da información está en reunir aos axentes chave do panorama dixital (axentes como os investigadores do CITIC) e que, nas súas palabras, contribúan a demostrar que “a computación cognitiva, as contornas en cloud e a súa combinación son a aposta gañadora nos diferentes sectores de actividade”.
A apertura do encontro correu a cargo de Santiago Bollaín (director Mediana Empresa para España) e proseguiu coa intervención de Ignacio Armesto (do departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Universidade de Vigo) sobre tendencias e aplicacións da robótica industrial na Industria 4.0. Despois foi a quenda de Mariano Garrido (Industry Solution Architect de IBM) quen falou de Computación Cognitiva e IBM Watson<, sistema informático de intelixencia artificial capaz de responder a preguntas en linguaxe natural. Entre os seus logros, derrotar a dous opoñentes humanos no concurso de televisión estadounidense Jeopardy!.
Logo da intervención de Leo Ponte (CIO de Adolfo Domínguez), abrangueuse a temática da Transformación Dixital da man de Antonio Rodríguez (director de Vendas Cloud SPGI en IBM).

PUBLICIDADE