O CITIC desenvolve un enchufe intelixente que evita incendios e prevén as electrocucións

martes, 29 de abril do 2014 Redacción

O CITIC, Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, desenvolveu Smart Socket, un enchufe intelixente orientado á prevención de sobreconsumos e curtocircuítos. Creado polo Área Tecnolóxica Sistemas de Comunicacións Sen Fíos este enchufe pódese controlar remotamente por un móbil, tablet ou PC, tanto os seus diferentes parámetros como o mesmo dispositivo.
Entre as aplicacións que inclúe atópase cortar o subministro de corrente a dispositivos que provoquen un sobreconsumo o que evita que se produzan danos graves no propio trebello e prevén que se produzan incendios. Polas súas características e innovación aportada no seu desenvolvemento, solicitouse patente de Smart Socket na Oficina Española de Patentes e Marcas, garantindo a súa calidade.
Segundo Tiago Fernández Caramés, investigador do CITIC responsable de Smart Socket, “este enchufe intelixente non só ten entre as súas vantaxes a seguridade que aporta; tamén favorece o aforro enerxético e a eficiencia xa que controla o seu consumo e no caso que se detecte un comportamento anómalo, lanza alertas a través de distintos medios como alarmas sonoras, envío de SMS ou email”.

Outros beneficios de Smart Socket

Smart Socket prográmase de xeito personalizado, cada usuario pode configurar o seu funcionamento como o emprego en determinadas franxas horarias, establecer que dispositivo son válidos para ser enchufados… Permite monitorizar en tempo real o consumo eléctrico do enchufe, así como obter o histórico do consumo que se realizou.
Ata se desconecta de xeito automático de dispositivos con consumo pantasma, aqueles conectados permanentemente á rede ou que se atopan en situación de standby como televisores, ordenadores, DVD… Estímase que este consumo eléctrico se sitúa entre o 7 e o 11% dun fogar medio.
Ademais, grazas ao seu sistema de identificación intelixente de dispositivos, prevén as electrocucións, un aspecto moi destacable para vivendas con nenos pequenos dado que o sistema só fornece corrente en canto se conecta un dispositivo que o sistema considera válido.

PUBLICIDADE