O CITIC da UDC recibe da Xunta unha axuda de 2,21 millóns de euros

xoves, 16 de xaneiro do 2020 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña recibiu unha axuda de 2,21 millóns de euros destinadas aos vindeiros tres exercicios, por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, co-financiada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Segundo explican fontes do CITIC, a contía concedida implica unha suba do 24 % con respecto ao período anterior (decembro 2016 - novembro 2019). Estas axudas están destinadas á “consolidación das unidades de investigación do Sistema Universitario Galego que destacan pola súa traxectoria científica, a excelencia dos seus resultados, a capacidade para desenvolver e atraer talento investigador, a competencia en transferencia da tecnoloxía e a xeración de impacto social, así como un axeitado enfoque estratéxico e un modelo de goberno flexíbel e responsábel”.
O centro coruñés salienta que dos oito centros acreditados no Sistema Universitario Galego, o CITIC é “o único centro da Universidade da Coruña en ser recoñecido con esta axuda”.
Por certo que durante os próximos tres anos (decembro 2019 - 2022), o CITIC pasará a denominarse “Centro de Investigación de Galicia”, no canto da anterior denominación como “Centro Singular de Investigación de Galicia”.
Volvendo á dita concesión, supón “un recoñecemento ao traballo de fronteira que se realiza no centro e a excelencia no coñecemento xerado no ámbito das TIC, que pon en valor as nosas capacidades e que nos permitirá ser más ambiciosos en canto os nosos obxectivos e proxectos”, en palabras do director do centro, Manuel F. González Penedo. O director do CITIC tamén indica que unha parte importante da axuda obtida destinarase á “captación e retención de talento excelente”.

PUBLICIDADE