O CITIC da UDC obtén financiamento da Xunta para desenvolver proxectos anti-COVID

luns, 16 de novembro do 2020 S. P.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), apoia con máis de medio millón de euros a posta en marcha de tres proxectos dirixidos por investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña. Trátase de tres iniciativas concretas para avanzar na loita contra a COVID-19. Os investigadores principais destes proxectos son Ricardo Cao, Marcos Ortega Hortas e José Santos Reyes. As tres contribucións teñen o obxectivo de buscar solucións fronte a crise sanitaria do coronovirus a través da Intelixencia Artificial.
Os proxectos que contarán con financiamento son Ciencia e Enxeñaría de datos para a avaliación, predición poboacional e personalizada da evolución da enfermidade COVID-19, dirixido por Ricardo Cao Abad e co-dirixido polo director do CITIC, Manuel F. González Penedo; Intelixencia Artificial vs. COVID-19: melloras na detección, avaliación e seguimento personalizado dos afectados, cuxo investigador principal é Marcos Ortega Hortas; e Predición da estrutura de proteínas de SARS-CoV-2 con técnicas de Intelixencia Artificial, liderado por José Santos Reyes.
O proxecto Ciencia e Enxeñaría de datos para a avaliación, predición poboacional e personalizada da evolución da enfermidade COVID-19 fundaméntase nunha solución baseada en aplicación web e app para a recollida de datos que ofrecerá modelos de predición xeral e de individuo con detección de anomalías, visualización xeolocalizada e funcións avanzadas de procesado de datos con Intelixencia Artificial.
Pola súa banda, o proxecto Intelixencia Artificial vs. COVID-19: melloras na detección, avaliación e seguimento personalizado dos afectados, iniciativa da Fundación Profesor Novoa Santos, baséase na utilización da Intelixencia Artificial para mellorar a detección, avaliación e seguimento dos enfermos de COVID-19, gracias ao desenvolvemento dunha ferramenta web distribuída que permita a xestión de datos de pacientes heteroxéneos, a partir da información de probas microbiolóxicas moleculares e de imaxe radiolóxica, co obxectivo de mellorar o diagnóstico da enfermidade COVID-19, a estimación da súa gravidade e a predición da súa evolución, facilitando un mellor control epidemiolóxico.
Por último, o proxecto Predición da estrutura de proteínas de SARS-CoV-2 con técnicas de Intelixencia Artificial ten o obxectivo de utilizar métodos de Intelixencia Artificial, usando algoritmos de busca do campo de Computación Evolutiva, para determinar a estrutura dos diferentes compoñentes proteicos de SARS-CoV-2. Esta proposta céntrase na mellora da resolución da predición estrutural dos compoñentes e no refinamento da estrutura en compoñentes nos que xa se dispón dun mapa de densidade de criomicroscopía electrónica. A finalidade é facilitar a busca de medicamentos que interactúen con maior eficacia coas diferentes proteínas de SARS-CoV-2.

PUBLICIDADE