O CITIC colabora mediante patrocinio con dous eminentes congresos internacionais

martes, 10 de xuño do 2014 Redacción

O CITIC, centro tecnolóxico emprazado no campus da Coruña, patrocina as edicións deste ano de SAM 2014, un importante congreso da IEEE Signal Processing Society sobre procesado do sinal multicanle e rede de sensores, e máis de CERI 2014, 3º Congreso Español de Recuperación de Información.
Organizado pola área de Comunicacións Sen Fíos do CITIC, SAM 2014 desenvolverase na Coruña entre os días 22 e 25 de xuño. Contará con conferencias de destacados investigadores neste eido entre os que cómpre salientar a Thomas Kailath (Stanford University), unha das máximas referencias da disciplina e do que sempre se dixo que tería un Premio Nobel se se entregase neste campo. Entre outros recibiu o Premio Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento de Tecnoloxías da Información e a Comunicación.
Pola súa banda, CERI 2014 celebrarase na Facultade de informática da Universidade da Coruña os días 19 e 20 de xuño. Será un foro de encontro para investigadores e profesionais cun interese polo eido da procura e recuperación de información. Entre outros participarán Peter Mika (Yahoo!) e Enrique Alfonseca (Google).

PUBLICIDADE