O CITIC colabora coa cuarta edición do IWFOS

mércores, 26 de abril do 2017 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) será unha das entidades colaboradoras da cuarta edición do obradoiro IWFOS, que se celebra do 15 ao 17 de xuño na sede da Fundación Pedro Barrié de La Maza en A Coruña. O IWFOS, como recordaremos, é o Taller Internacional sobre Estatísticas Funcionais e Operativas (International Workshop on Functional and Operational Statistics). Trátase dun xuntanza de traballo que comezou en 2008, da man do grupo de traballo STAPH de Toulouse (Francia), co obxectivo de “pór de relevo as principais tendencias en diversas áreas das estatísticas funcionais a través do intercambio de ideas e a promoción da colaboración entre investigadores de diferentes países”. A cita contará coa presenza activa da investigadora Paula Raña, da Universidade da Coruña.
Tamén intervirán John Aston (Universidade de Cambridge), Alexander Aue (Universidade de California), Antonio Cuevas (Universidade Autónoma de Madrid), Aurore Delaigle (Universidade de Melbourne), Jeff Goldsmith (Universidade de Columbia), Stephan Huckemann (Universidade de Göttingen), Alicia Nieto-Reyes (Universidade de Cantabria), Víctor Panaretos (Escola Politécnica Federal de Lausanne) e Laura Sangalli (Politécnico de Milán). Igualmente, participarán como co-relatores Germán Aneiros (Universidade da Coruña), Enea Bongiomo (Universidade do Piamonte Oriental), Ricardo Cao (UDC) e Phillipe Vieu (Universidade de Toulouse).
Segundo informa o CITIC, nas edicións anteriores do obradoiro (en Toulouse en 2008, en Santander en 2011 e en Stresa, Italia, en 2014) coinciden coa temática a tratar nesta nova convocatoria, ou sexa a análise de datos funcionais e estatísticas operacionais. Serán cinco sesións repartidas en pouco máis de dous días.
IWFOS 2017 conta con convidados de diferentes partes do mundo (desde Australia até España, pasando por Reino Unido, EE UU, Alemaña, Suíza e Italia) e co apoio da Universidade da Coruña e o seu Grupo Modes, a Universidade Franco-Italiana, o CITIC, o Instituto de Matemáticas de Toulouse, a Fundación Barrié, Springer e as sociedades SGAPEIO, SEIO e ISNPS.

PUBLICIDADE