O CITIC colabora co I Encontro Makers pola Discapacidade Física e Orgánica

xoves, 20 de maio do 2021 S. P.

Este 29 de maio vaise celebrar en formato virtual o I Encontro Maker pola Discapacidade Física e Orgánica. O evento está organizado pola Confederación de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica de Castela e León, e conta coa colaboración da Universidade de Burgos e do CITIC (Centro de Investigación TIC) da Universidade da Coruña.
A cita dará comezo ás 9.30 horas e será unha ocasión inmellorábel para verificar o importante esforzo que o ámbito tecnolóxico (usuarios e desenvolvedores de a pé, empresas, entidades, centros tecnolóxicos e de investigación, grupos de universidades) está a despregar para levar as novas ferramentas a todos os colectivos e mellorar, con elas, a calidade de vida das persoas con diversidade funcional ou cognitiva.
É o caso do CITIC, cuxo subdirector, Javier Pereira, presentará aos asistentes as capacidades do centro e as súas principais liñas de investigación en TIC aplicadas ao ámbito da diversidade funcional, centrándose principalmente no proxecto Talentos Inclusivos.
Participará tamén a investigadora Thais Pousada impartindo un taller avanzado de impresión 3D e o investigador Manuel Lagos, quen intervirá na primeira mesa de experiencias.
Segundo informa o CITIC, o encontro está exposto “como un espazo de aprendizaxe compartida, sinerxías e colaboración entre terapeutas ocupacionais, enxeñeiros, makers particulares, asociacións, makers sen ánimo de lucro e organizacións de persoas con discapacidade física e orgánica”. Todos eles compartirán coñecementos e solucións innovadoras, creativas e económicas que poidan facilitar a superación de barreiras aos devanditos colectivos.

PUBLICIDADE