O CITIC aposta polo talento novo co Congreso XoveTIC

xoves, 6 de setembro do 2018 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acollerá a primeira edición do Congreso XoveTIC os vindeiros 27 e 28 de setembro. Orientado a potenciar e fomentar o talento máis novo, o XoveTIC será un punto de encontro entre investigadores predoutorais e posdoutorais, que terán a oportunidade de presentar comunicacións orais e pósteres das súas investigacións no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).
Deste xeito, o obxectivo do XoveTIC é potenciar a colaboración entre Universidades e grupos de investigación das tres universidades galegas, construír un espazo de encontro para o debate científico e contribuír á formación dos investigadores, supoñendo unha oportunidade para que os participantes compartan os seus traballos nun ambiente colaborativo e distendido.
O congreso, de inscrición gratuíta, contará tamén con diferentes conferencias plenarias a cargo de personalidades relevantes no ámbito das novas ferramentas a nivel nacional e internacional.
Colaboran na organización do congreso o CiTIUS da USC e AtlantTIC da UVigo. Pola súa banda, as entidades patrocinadoras, o Cluster TIC Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), ofrecen un premio de 300 euros para as tres mellores comunicacións. O comité científico avaliará cada traballo, entregándose os premios no acto de peche do congreso.
Axenda
Día 1 – 27 de setembro
9:30 h - 10:00 h Recepción de asistentes
10:00 h - 10:30 h Sesión de apertura
10:30 h – 11:00 h Conferencia plenaria a cargo do profesor Dr. Antonio Bahamonde
11:00 h – 12:00 h Comunicacións orais
12:00 h – 12:30 h Pausa café
12:30 h – 14:30 h Comunicacións orais
14:30 h – 16:00 h Xantar de networking
16:00 h - 18:00 h Obradoiros
5G (Prof. Dr. Felipe Gil Casiñeira)
Ciberseguridade (profesor Dr. Francisco J. Nóvoa Manuel e profesor Dr. Adrián Carballal Mato)
18:00 h – 19:00 h Exposición de pósteres e pausa café
Día 2 – 28 de setembro
10:00 h – 10:30 h Conferencia plenaria a cargo da profesora Dra. Petia Radeva
10:30 h – 11:30 h Comunicacións orais
11:30 h – 12:00 h Pausa café
12:00 h – 13:30 h Comunicacións orais
13:30 h – 14:00 h Clausura e entrega de premios
14:30 h – 15:30 h Xantar de networking

PUBLICIDADE