O CITIC acolleu a presentación dos seus novos e revolucionarios prototipos

venres, 21 de xullo do 2023 S. P.

Este xoves 20 de xullo levouse a cabo na Sala Cloud do CITIC a xornada Presentación dos avances de prototipos para o Demostrador Tecnolóxico do CITIC, un acto no que as investigadoras e investigadores participantes do centro mostraron á comunidade do mesmo, e da UDC, o progreso nos seus traballos.
Os devanditos prototipos enmárcanse dentro a aposta do CITIC por poñer en valor os resultados das liñas de investigación prioritarias do centro, para iso, en febreiro deste ano, lanzouse a convocatoria Apoio ás liñas estratéxicas do CITIC para a creación de prototipos que permitan visibilizar os resultados de investigación, que consistía no financiamento de novas contratacións de persoal investigador que axudase a visibilizar os devanditos resultados.
A xornada abriuse a todo o público interesado e asistiron ao redor de 30 persoas. Nela interviñeron nove rexistrados na convocatoria, todos eles adheridos a diferentes grupos de investigación da UDC.
A primeira das presentacións correu a cargo de Paula Romero Campo, que amosou o seu traballo Sistema intelixente de asistencia ao diagnóstico de enfermidades raras neurolóxicas. A aplicación desenvolvida leva por nome AtaxAId. O potencial da mesma está na extracción da información útil que foi escrita no informe médico e no arquivo xenético do paciente para poñela en contraste cos datos de repositorios médicos de doenzas raras e que, desta maneira, axude ao médico especialista no diagnóstico.
O segundo prototipo foi presentado polo investigador Manuel Lagos Rodríguez. O seu traballo consiste na Integración dun sistema de movemento cautivo en contornas virtuais para a rehabilitación de persoas con discapacidade. O resultado deste traballo permitirá o desenvolvemento de actividades para a rehabilitación de persoas con discapacidade nas que o desprazamento é fundamental.
A seguinte presentación levouna a cabo Diego Fernández Edreira co Prototipo de detección de pólipos en imaxes de colonoscopia. Co seu traballo preténdese desenvolver unha aplicación que permita detectar e analizar de forma automática algún indicio de pólipos en pacientes a través das imaxes recollidas por un colonoscopio.
A cuarta das charlas impartiuna o investigador Hiram Varela Rodríguez, que presentou o seu traballo Simulación de secado de sólidos porosos. Co seu prototipo pódese observar polo miúdo o proceso de secado en materiais sólidos porosos a través dunha simulación numérica e representada en 2D, o que permitirá elixir o método máis óptimo que se debe aplicar en cada caso; no exemplo dado céntrase no secado da madeira.
Despois dun breve descanso, a quinta das presentacións foi a de Eva Pardo Otero con Captura automática de datos de Xiaomi Mi Band. Co seu traballo pretende crear unha web que visualice a actividade dun grupo de persoas usuarias de pulseiras ou reloxos intelixentes centrándose nos datos de descanso (sono) e o número de pasos realizados ao longo do día (actividade física). Grazas aos datos recolleitos poderanse analizar os hábitos saudábeis dos pacientes e predicir problemas de saúde física ou mental.
A seguinte intervención levouna a cabo Julián González Muñoz con Aplicación de patróns de comportamento en dispositivos, onde expón o desenvolvemento dunha aplicación de recollida de datos para o adestramento e a detección da identidade dos usuarios activos nun sistema.
A sétima presentación foi a de Miguel Ángel Rodríguez Luaces, quen falou do seu traballo Friendly barrierLess Adaptable City Demo A Coruña (FLATCity). O obxectivo é crear unha aplicación que permita a cidadáns con diferentes capacidades motoras atopar o mellor roteiro para realizar un desprazamento pola cidade; o prototipo mostrado foi dun mapa da cidade da Coruña.
O penúltimo dos prototipos correu a cargo de Manuel Corujo Muiña que presentou Desenvolvemento dun cadro de mando para divulgación dos usos da HPC. Tal como indica o título, a idea é crear un cadro de mando navegábel para a divulgación das utilidades de computación de altas prestacións (HPC) en xeral e no contexto da UDC e o CITIC en particular.
A última exposición foi a da Adriana Dapena Janeiro que, mediante un vídeo explicativo mostrou o obxectivo de Interfaces home máquina baseados en sinais EMG, onde se pretende desenvolver un sistema que permita controlar obxectos dunha vivenda a través de sinais que emiten os nosos músculos.

PUBLICIDADE