O CITIC acolle unha xornada sobre como favorecer o retorno de investigadores

mércores, 12 de xuño do 2019 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle este xoves 13 de xuño, a partir das 10:00 horas, a xornada Retornando talento emigrado organizada xunto co Consello Social da UDC. O obxectivo do evento é poñer en valor a mobilización internacional do persoal docente e investigador e, sobre todo, o impulso de iniciativas que fan posíbel o regreso destes profesionais para transferir o coñecemento e excelencia a súa universidade e país de orixe.
A xornada terá lugar na Sala Cloud do CITIC e contará coa presencia do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, para inaugurar a xornada. No seu transcurso, varios expertos reflexionarán e analizarán o fenómeno da emigración do talento para potenciar o seu retorno.
Entre estes expertos atópase o director do Centro de Regulación Xenómica (CRG), Luis Serrano Pubul, que trasladará aos presentes a experiencia de SOMMa, que constitúe a alianza de centros e unidades de excelencia Severo Ochoa e María de Maetzu (entre os que se atopa o Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC) e busca incrementar a visibilidade nacional e internacional da ciencia en España.
A continuación, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya Fernández, presentará InTalent, un programa específico de colaboración entre a Universidade dá Coruña e Inditex para a contratación de investigadores post-doutorais con proxección e ampla traxectoria internacional baixo o criterio da excelencia.
Baixo o título O coñecemento é a unidade básica para xerar benestar, o director xeral de Ikerbasque, Íñigo Atxutegui Basagoiti, compartirá os principais fitos da Fundación Vasca para a Ciencia. Logo, o director de ICREA, Antonio Huerta Cerezuela, centrará a súa intervención na estratexia da Institución Catalá de Investigación e Estudos Avanzados para facer posíbel a contratación do persoal científico e académico máis extraordinario e de maior talento.

PUBLICIDADE