O CITIC acolle en xullo un foro internacional de comunicacións 5G

mércores, 3 de xullo do 2019 Redacción

O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC) acollerá do 16 ao 18 de xullo a terceira edición do International Workshop on 5G communications (IW5GC2019), organizado xunto coa Universidade de Tongji (China). O obxectivo deste workshop é promover os intercambios académicos entre graduados de universidades españolas e chinesas e ofrecer unha descrición xeral dos avances da investigación actual no modelado de canles para comunicacións de quinta xeración.
Segundo informan fontes do CITIC, esta vontade conxunta de avaliar os avances en materia de 5G, cobre temas tales como os sistemas de alta frecuencia, as comunicacións masivas MIMO, os esquemas dúplex completos, a comunicacións de vehículos, os escenarios de terra a aire e comunicacións ópticas, a codificación 5G, a optimización da rede, as melloras á rede de acceso de radio ou a optimización do control de recursos de radio.
As actividades comezarán o 16 de xullo, coa apertura das sesións a cargo de Xosé Rodríguez Piñeiro o Luis Castedo, para logo dar paso ás sesións plenarias do propio Luis Castedo Ribas (Time Modulated Arrays: an Unconventional Way to Perform Beamforming) e de Rodríguez Piñeiro (Air-to-Ground Communications Channel Modeling for Low-Height UAVs: Channel Characteristics and Performance Analysis). O programa incluirá, ao longo de tres días, máis dunha ducia de intervencións de investigadores de primeiro nivel en materia de 5G.

PUBLICIDADE