O CITIC achega tecnoloxía (ToVIAS) para simplificar e rendibilizar os máis complexos proxectos de enxeñaría

mércores, 25 de novembro do 2015 Redacción

Hai uns meses avanzabamos dende Código Cero as claves dun dos proxectos con máis proxección do Centro de Investigación TIC (CITIC). Trátase de ToVIAS (acrónimo de Topographic Visualization, Interaction and Analysis System), un proxecto de I+D+i financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e fondos FEDER, que trata de xerar o coñecemento e as ferramentas precisas para traballar con datos topográficos 3D, extraidos con escáner láser, e aplicados ao eido da enxeñaría. O principal obxectivo de ToVIAS é crear unha ferramenta na que os datos masivos de nubes de puntos se integren no sector da enxeñaría, sendo así un alicerce fundamental para que os proxectos máis complexos cheguen a bo porto.
Desta maneira, sinalan fontes do CITIC, “poderán ofrecerse servizos máis fiables, completos e complexos”, a un custo menor, incrementando enormemente a produtividade. Estas condicións, engade o centro emprazado no Campus de Elviña (A Coruña) “repercutirán positivamente en proxectos de enxeñaría civil, do sector forestal, do sector da enxeñería industrial ou de patrimonio e edificación”.
Dentro dos obxectivos específicos de ToVIAS atópanse, entre outros, o de desenvolver unha metodoloxía estándar para a “captura da realidade” en proxectos de enxeñería con tecnoloxía LIDAR terrestre e fomentar novas liñas de negocio que aumenten a produtividade e a competitividade no ámbito nacional e internacional. Unha misión (a de facer doado o complexo en proxectos de enxeñaría) que a día de hoxe está moi próxima á realidade, engade o CITIC, que lembra que a tecnoloxía que este proxecto aplica comeza a evidenciar a súa materialización no ámbito empresarial. Segundo nos conta un dos investigadores do proxecto, Omar Álvarez, “aínda que non comezou a comercializarse, hai unha iniciativa empresarial en fase de madurez que emprega a tecnoloxía de ToVIAS no desenvolvemento da súa actividade”.
A formación académica tamén manifestou o seu interese na innovación que achega este proxecto, eixo central dunha tese doutoral en fase de desenvolvemento, e a súa evolución cara a novas aplicacións e tecnoloxías ponse de manifesto grazas a novas liñas de traballo: “Estamos a traballar na aplicación da visualización de nubes de puntos no ámbito da realidade aumentada. ToVIAS non é un proxecto pechado, ofrece moitas oportunidades de evolución”, sinala Omar Álvarez.
ToVIAS é un claro exemplo da contribución en termos de eficiencia e eficacia que os proxectos de investigación desenvolvidos no CITIC teñen sobre produtos e servizos de entidades de diversa índole e actividade.
O desenvolvemento de ToVIAS fundaméntase na Topografía, no Deseño Asistido por Computador (CAD), nos Sistemas de Información Xeográfica (GIS), na Fotogrametría Terrestre e no LIDAR. E, como é habitual, detrás dun proxecto de tal envergadura atópase un grupo de investigación do CITIC, neste caso o grupo RNASA, acrónimo de Redes de Neuronas Artificiais e Sistemas Adaptativos. Juan R. Rabuñal Dopico, un dous investigadores principais do grupo, encargado do desenvolvemento software de ToVIAS, sinala que “unha das principais vantaxes competitivas de ToVIAS é a súa capacidade para visualizar os datos dunha maneira practicamente instantánea, grazas ao algoritmo novo sobre o que se traballa”.
Presenza no Info Day H2020 sobre Seguridade, Mobilidade e Transporte
O sector do transporte é unha oportunidade troncal para o desenvolvemento de novas utilidades e aplicacións da tecnoloxía deste proxecto, sobre mapas e sistemas de xeolocalización. En liña con este e outros obxectivos estratéxicos, o CITIC reforza a súa actividade e colaboración en diversos encontros nacionais e internacionais, co fin de establecer alianzas e sinerxías para os proxectos en curso e desenvolver novas liñas de traballo. A sede do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) en Madrid acolleu o martes 11 de Novembro o Info Day Transporte intelixente, ecolóxico e integrado, no que se analizaron tanto os resultados de convocatorias de H2020 nos anos 2014 e 2015 como os plans de futuro para os vindeiros anos 2016 e 2017. En concreto, na xornada aprobouse a convocatoria The Port Of The Future, enmarcada no Work Packet de Transporte. O CITIC estivo presente neste encontro, de gran interese para a entidade especialmente en todo o relacionado co ámbito smart aplicado a contornas portuarias, e máis tendo en conta a colaboración empresarial que o CITIC está a desenvolver no proxecto SMARTPORT da Coruña. Asemade, os representantes do centro tiveron ocasión de intercambiar sinerxías co equipo de a DG Research & Innovation - European Commission.

PUBLICIDADE