O CETA-CIEMAT achega supercomputación para recrear unha viaxe virtual aos exoplanetas
mércores, 29 de xullo do 2015
Nin non presente nin no
futuro inmediato haberá sonda espacial algunha que nos poida amosar
como é exactamente o que está alén do noso sistema solar. Para
emendar esta eiva temporal, o Centro Estremeño de Tecnoloxías
Avanzadas (CETA-CIEMAT), Eurocosmos e o Instituto de Astrofísica de
Canarias (IAC) están a desenvolver un audiovisual en formato
específico para a súa proxección en cúpulas, planetarios e salas
especializadas. A película en cuestión, O
Mundo Anel, tira partido do coñecemento atesourado estes
últimos anos sobre o Espazo alén da nosa galaxia e bota man das
máis avanzadas tecnoloxías para a recreación de escenarios
virtuais, incluída unha boa dose de supercomputación. O filme xa
ten web de seu, dende a que podemos reproducir xa o primeiro dos seus
tráilers.
O proxecto O Mundo
Anel, Viaxe a un Exoplaneta, financiado pola fundación FECYT,
pretende en primeira instancia desenvolver material didáctico para
divulgar a ciencia “de maneira diferente e eficaz”, de modo que
os espectadores poidan facer unha viaxe virtual dende a Terra até
chegar ao “espectacular sistema planetario Gliese-581, máis aló
dos límites do noso sistema solar”, sinalan os impulsores da
iniciativa, que engaden, para quen non o saiba, que os exoplanetas
son estrelas distintas ao Sol situadas a unha distancia tal que esta
impide até o de agora o achegamento de calquera envío de tecnoloxía
de rastrexo e exploración. Para emendar este oco xorde precisamente
o filme do que estamos a falar, que parte dos datos dos que dispoñen
os investigadores para achegar aos espectadores “a sensación de
estar sobrevoando un dos sistemas con exoplanetas máis
interesantes”, segundo conta Miquel Serra-Ricart do IAC, un dos
responsábeis do proxecto.
A película reproduce así
unha viaxe virtual a un destes corpos celestes a partir de todos os
datos de telescopios e satélites amoreados até o de agora e usando
modelos computacionais, acompañado de explicacións sobre a
fenomenoloxía e morfoloxía dos escenarios visitados. O filme,
sinalan, ten como obxectivo espertar a curiosidade do público para
amosar aspectos descoñecidos, extraordinarios e novos do sistema
Solar exterior, así como sobre as condicións que deben darse para a
existencia de auga líquida noutros planetas e, por tanto, para a
posibilidade de vida. O audiovisual ten data prevista de estrea para
o vindeiro mes de outubro, e estará dispoñíbel de balde para
planetarios e salas de proxección de toda España e América Latina.
Disporase de múltiples resolucións, adaptadas a pequenos e grandes
sistemas de proxección. A locución poderá ir acompañada de
subtítulos para persoas con discapacidade auditiva.
As primeiras secuencias
desta proxección poden xa verse no tráiler pendurado na
web www.elmundoanillo.com,
que se configurou para que poida visualizarse correctamente desde
calquera dispositivo. Esta web inclúe un formulario a través do cal
planetarios, museos e outros centros interesados poden solicitar a
distribución de calquera das montaxes desenvolvidas polo proxecto.
A produción do
audiovisual en alta resolución está a ser posíbel grazas aos
recursos de computación achegados polo CETA-CIEMAT, co-financiados
polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O equipo do
IAC, liderado por Miquel Serra-Ricart, achega o coñecemento das
evidencias científicas sobre as que se asenta a interpretación
visual dos eventos astronómicos descritos. Pola súa banda,
Eurocosmos contribúe coa súa experiencia na difusión de películas
en planetarios así como na súa adaptación a diferentes audiencias.