O CESGAHack volve en setembro para axudar a científicos a acelerar as súas aplicacións

venres, 6 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A firma galega Appentra Solutions e mailo Centro de Supercomputacion de Galicia (CESGA) van organizar á volta do verán a terceira edición do seu evento conxunto de aceleración, o GPU Hackathon (ou CESGAHack), unha xuntanza de traballo, demostracións e intercambio de recursos e coñecemento cuxo obxectivo axudar aos científicos e programadores a acelerar a execución das súas aplicacións de simulación científica.
Este pulo de enerxías materializarase a través de diverso hardware e software avanzado e coa axuda dun equipo de mentores expertos en cousas como optimización, paralelaxe e execución de programas de simulación. O CESGAHack 3 tamén axudará aos científicos e programadores e reducir o máximo o tempo que pasan codificando para mellorar o seu software. A cita desenvolverase entre o 24 e o 28 de setembro.
Os participantes poderán acceder ao supercomputador Finis Terrae II no CESGA e tirar proveito do programa Parellelware Trainer de Appentra para acelerar o ciclo de vida do seus desenvolvementos ao poder identificar decontado oportunidades reais para paralelizar a súa aplicación.
Segundo lembra Appentra, os dous eventos anteriores tiveron éxitos importantes para os equipos participantes, como o equipo de Edanya, que traballaba nun modelo de predicións de tsunamis na Universidade de Málaga, que gañou o premio NVIDIA Global Impact Award.
CESGA e Appentra animan a proxectos científicos a participar e obter a formación individualizada que ofrece esta “contorna única”, sinalan, que ten moitos recursos para contribuír ao avance dos seus desenvolvementos e aforrar tempo no seu tempo de execución de aplicacións de software.
Para participar no CESGAHack 3 podemos rexistrarnos até o 5 de agosto de 2018. A participación é de balde. Quen queira máis información, pode atopala na páxina web de Appentra.

PUBLICIDADE