O CESGA refórzase para ampliar e fortalecer os seus servizos de alta calidade

luns, 1 de agosto do 2016 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vén de facer reconto das novidades xurdidas no seu seo ao longo de 2015 en materia de novos equipamentos. Estas novas infraestruturas, que en palabras do CESGA “permitirán nos vindeiros anos ofrecer un conxunto moi completo de servizos de alta calidade aos seus usuarios”, son froito dun traballo e un compromiso conxuntos que conseguiron, co seu pulo, arredar do futuro do centro os agoiros máis negativos en cuestión de investimento (por mor da situación económica recente). Segundo informan fontes do centro, “grazas ao esforzo do CESGA e o decidido apoio da Xunta, o Ministerio de Economía e Competitividade e o CSIC, conseguise renovar a infraestrutura de supercomputación e o Finis Terrae II é xa unha realidade”.
No reconto de novidades salienta polo tanto a incorporación ao CESGA do Finis Terrae II, pero non é a única achega tecnolóxica que destacar. Polo que atinxe ao dito supercomputador, o centro lembra que a súa infraestrutura está entendida sobre todo para “a resolución eficiente de grandes problemas paralelos”. Desta maneira, o seu deseño estivo baseado neste factor. Finis Terrae II incorpora un total de 7.712 núcleos de procesador da tecnoloxía Intel Xeon E5 Hasswel, interconectados por unha rede de comunicacións de baixa latencia de tipo Infiniband. Co obxectivo de dar o mellor servizo en materia de procesamento da información inxente (que adoita derivar, tamén, en grandes cantidades de datos), o supercomputador incorpora un sistema de almacenamento paralelo de altas prestacións, con potencial para proporcionar simultaneamente unha elevada capacidade (760 Terabytes netos) e sobre todo un elevado rendemento (maior que 20 Gigabytes por segundo). “Deste xeito”, explica o CESGA, “os cálculos non son retardados polas operacións de entrada/saída cara aos discos”.
Respecto ao deseño do equipo, fíxose fincapé en adicar a maioría dos recursos aos casos máis utilizados no centro, “polo que a súa arquitectura está sobre todo baseada en nodos lixeiros (thin nodes) que empregan procesadores estandar de Intel, axeitados para a meirande parte das aplicacións usadas polos usuarios do CESGA”, explica o centro, que engade que tamén se incluíu un nodo de cálculo groso (fat node) para “dar resposta a necesidades de gran cantidade de memoria compartida, é dicir, nun único nodo de cálculo”. Igualmente, tentouse dar resposta aos usuarios e aplicacións que son quen de aproveitar as vantaxes do procesado de propósito xeral en unidades de procesado gráfico (GPGPU), polo que en Finis Terrae II incorporáronse oito procesadores NVidia Tesla K80. Para dar acceso á tecnoloxía de tipo multinúcleo de Intel, no sistema incluíronse 4 procesadores Intel Xeon Phi.
Outra das novidades de 2015 ten que ver cos servizos de computación na nube, que se complementan (coas mesmas infraestruturas) cos servizos SVG (Supercomputador Virtual Galego) e que se reforzaron (todos eles) coa incorporación dun conxunto de servidores que poden ser adicados a unha ou outra función (nube ou SVG) dependendo da necesidade. Así, adquiríronse un total de 72 servidores que acumulan un total de 1440 núcleos de procesador e 9,2 TB de memoria para este propósito.
No ámbito da información inxente (Big Data), fortaleceuse a capacidade do centro neste ámbito coa inclusión de 42 nodos servidores, acumulando un total de 480 núcleos de procesador, 2,4 TB de memoria e 800 TB de disco.
En materia de visualización remota científica (un recurso moi empregado para a correcta interpretación dos resultados dos cálculos feitos nos computadores), implantouse unha solución de altas prestacións, dispoñéndose dunha infraestrutura de catro servidores cunha tarxeta gráfica que posibilita o emprego simultáneo de varias aplicacións con certos requirimentos gráficos.
No que se refire aos usos industriais e empresarias dos recursos do CESGA, lembrar que o centro está involucrado nunha manchea de iniciativas relacionadas coa promoción do uso de tecnoloxías avanzadas de computación nas PEME, entre as que cómpre citar o proxecto FORTISSIMO, ou a Rede Europea de Centros de Competencias en Computación de Altas Prestacións para PEME (SESAME Net) entre outras. Desde a Axencia Galega de Innovación (GAIN) quíxose dotar ao CESGA dunha infraestrutura de cálculo específica para proxectos empresariais, de modo que poidan prestar os servizos requiridos polas empresas sen competir polo uso dos recursos xerais do CESGA, dispoñíbeis para unha ampla comunidade de usuarios.
A actualización tecnolóxica das infraestruturas do CESGA supuxo un investimento de 5,2 millóns de euros que foron financiados pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Economía e Competitividade con achega do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A infraestrutura de cálculo específica para proxectos empresariais foi financiada pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia a través de Axencia Galega de Innovación (GAIN).

PUBLICIDADE