O CESGA organiza unha nova sesión para coñecermos as posibilidades do FinisTerrae II

venres, 29 de marzo do 2019 Redacción

O FinisTerrae II, o supercomputador do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), vai ser obxecto esta primavera dunha nova sesión de divulgación sobre as importantes potencialidades de seu. A cita será o 23 de abril, en horario de mañá, das 10.00 ás 13.00 horas, na propia sede do CESGA no Campus Sur de Santiago. A sesión está dirixida a usuarios noveis ou potenciais usuarios do computador FinisTerrae II, co obxectivo de que “coñezan o equipo e aprendan a usalo para as súas propias aplicacións ou para as que estean dispoñíbeis”.
Como lembraremos, o supercomputador é empregado na actualidade por centos de empresas e investigadoras/es da nosa comunidade científica para a resolución das máis complexas operacións ligadas ao cálculo avanzado ou ao tratamento do Big Data (información a gran escala).
Os contidos da actividade incluirán un bloque introdutorio sobre arquitectura clúster e descrición de hardware e un achegamento pormenorizado á metodoloxía empregada para acceder ao FinisTerrae II, para facer uso do sistema de colas (que é?, por que é necesario?, cales son os seus límites?, etc) e para tirar proveito das súas moitas aplicacións (software instalado, petición de novos programas, uso das aplicacións, execución de traballos simples).
O FinisTerrae II entrou en produción hai agora dous anos, incrementando de maneira notábel as prestacións do servizo de cálculo do CESGA. O novo supercomputador é un sistema de cálculo avanzado baseado en procesadores Intel Haswell e interconectado mediante rede Infiniband (FDR@56Gbps con topoloxía Fat-tree) cun rendemento pico de 328 teraflops e sostido en Linpack de 213 teraflops.

PUBLICIDADE