O CESGA organiza este martes unha conferencia sobre superconductividade

martes, 5 de xullo do 2011 Redacción

Este martes ás 17.00 horas, o Centro de Supercomputación de Galicia vai desenvolver un encontro informativo sobre o 100 aniversario da superconductividade na Universidade de Santiago, unha cita para (entre outras cousas) dar a coñecer os últimos achados da investigación no eido da Física de Sistemas de Electróns Fortemente Correlacionados. A xuntanza insírese no marco do Congreso Internacional The New Generation in Strongly Correlated Electron Systems que se está a celebrar na USC até o 8 de xullo, contando coa participación de 60 investigadores dunhas 20 nacionalidades.
O relatorio desta tarde levarase a cabo con feitura de coloquio aberto, pensado e programado para dar acubillo, tamén, a público non científico.
Contará coa presenza activa de Julien Bobroff, do Laboratoire CRISMAT, de Francia.
O eixe temático será, como dixemos, o 100 aniversario do descubrimento da superconductividade, “unha das áreas da Física de Sistemas que está a vivir unha enorme actividade polos últimos descubrimentos nese eido”, informa o CESGA. Trátase pois dunha oportunidade para xornalistas e divulgadores científicos para coñecer de primeira man os futuros desenvolvementos neste campo e como afectarán a tecnoloxía e a industria. Pódese atopar máis información nunha páxina web específica xa habilitada, incluíndo un programa completo asi como algunhas actividades de divulgación.

PUBLICIDADE