O CESGA obtén outro recoñecemento internacional polo seu traballo investigador

venres, 24 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) segue adiante abríndose camiño na investigación internacional, poñendo en marcha iniciativas propias, procurando proxectos de colaboración e obtendo todo tipo de recoñecementos. O máis recente destes últimos, sen ir máis lonxe, foi comunicado este mesmo venres dende a organización do premio Prace Award 09, galardón que vén de ir a mans do centro galego polo seu traballo Método Multipolo de Alta Escalabilidade. Resolvendo 500 millóns de incógnitas na modalidade de mellor artigo científico. O proxecto, levado a cabo con investigadores estremeños, foi presentado á Internacional Supercomputing Conference (ISC09), un encontro internacional referencia no eido da supercomputación. Por certo que a entrega do galardón celebrarase o vindeiro 23 de xuño en Hamburgo, Alemaña, durante a sesión inaugural do dito encontro. O premio, informa o CESGA, é o resultado do traballo conxunto do CESGA, a Universidade de Vigo e a Universidade de Estremadura.
Por certo que o xurado do Prace Award valorou non só a relevancia das grandes simulacións electromagnéticas para o deseño de produtos industriais de alta tecnoloxía que integran equipos electrónicos e a súa importancia para comprender e reducir o impacto sobre os seres humanos dos campos electromagnéticos, senón tamén a complexidade do traballo técnico computacional realizado e a súa aplicación para a resolución de problemas complexos, abrindo o camiño a simulacións maiores e a novos retos computacionais.
Segundo engade o centro galego nun comunicado, PRACE (Partnership for Advanced Computing in Europe) é a asociación para a computación avanzada en Europa, que involucra gobernos, axencias de financiamento e aos centros nacionais de supercomputación europeos co obxectivo crear a Infraestrutura Paneuropea de Supercomputación para facer de Europa a primeira potencia mundial en computación de altas prestacións; de aí a importancia desta distinción. España está representada en PRACE a través do Centro Nacional de Supercomputación (BSC-CNS).
O traballo realizado por este grupo de investigadores desenvolve métodos de alta escalabilidade en electromagnetismo computacional para a súa aplicación en supercomputadores de moi altas prestacións. Grazas a este método o grupo de investigadores premiado conseguiu o record mundial en electromagnetismo computacional dando solución ao problema máis grande xamais analizado (500 millóns de incógnitas), resolto o pasado mes de xaneiro no Supercomputador FINIS TERRAE do CESGA. Ademais utilizando este método conseguíronse realizar análise de comportamento radar de avións comerciais de grande envergadura como o Airbus 380 cun nivel de precisión nunca antes alcanzado.

PUBLICIDADE