O CESGA mostra como optimizar aplicacións avanzadas de cómputo con programas libres

venres, 28 de setembro do 2018 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vai organizar unha actividade formativa para sacar o máximo rendemento das ferramentas de cálculo de alto rendemento (HPC polas súas siglas en inglés). O curso, que porá o foco no eido das aplicacións libres, ten o obxectivo de “proporcionar ao alumnado un adestramento básico no emprego de recursos libres destinados á análise e optimización de código secuencial e paralelo”, segundo informan fontes do CESGA, que engaden que entras ferramentas a avaliar no obradoiro atópanse as desenvolvidas no BSC (Barcelona Supercomputing Centre), Paraver, Extrae e Dimemas, ademais de ferramentas clásicas “moi útiles” para a optimización como Gprof ou Callgrind/Valgrind, todo iso sobre os compiladores GNU.
O curso celebrarase os días 19, 20 e 21 de novembro de 2018 en horario de 9:00h a 14:00h no CESGA. O programa inclúe (entre outras moitas cousas) formación sobre como optimizar código examinando as principais alternativas nos compiladores GNU, unha introdución ás arquitecturas modernas e ás posibilidades da paralelaxe do código, recursos sobre as distintas alternativas libres dispoñíbeis para a depuración, análise e optimización de código ou información sobre as oportunidades de paralelaxe de código utilizando memoria compartida ou memoria distribuída.
Os encargados de impartir estes e outros contidos serán Diego Andrade e Basilio Fraguela, investigadores e profesores do Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña, con máis dunha década de experiencia achegando docencia e investigando en temas relacionados coa análise e a optimización do rendemento de aplicacións, tanto en contornas secuenciais como paralelas.

PUBLICIDADE