O CESGA loce recursos na xornada anual de usuarios da Rede Española de Supercomputación

xoves, 28 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

O CESGA ferve estes días de actividade. Primeiro foi unha xornada intensiva sobre tecnoloxías cuánticas, despois un encontro de investigadores arredor da supercomputación e os océanos, e hoxe celebrouse nas súas instalacións a onceava edición da xornada anual de usuarios da Rede Española de Supercomputación (RES). No encontro participaron unha manchea de investigadores de todos os recantos estatais, partillando ideas e propostas para ampliar o que xa é de por si amplo: o abano de posibilidades e aplicacións do cómputo avanzado en múltiples ámbitos do noso día a día. No evento fixeron acto de presenza, tamén, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e a secretaria de Estado de Investigación, Carmen Vela. Coincidiron en salientar as importantes contribucións do CESGA ao impulso dos avances máis relevantes que se están producindo en Galicia no ámbito da ciencia e a innovación.
Conde engadiu que o labor do CESGA, que cumpre 25 anos, é “unha proba do que a tecnoloxía contribúe á mellora da competitividade e da calidade de vida”. Segundo fixo saber o gran desafío do centro para os vindeiros anos é “fortalecerse como centro de excelencia en ciencia computacional aplicada, intensificar o grao de internacionalización da súa actividade e incrementar a súa presenza na industria para que o tecido empresarial galego poida beneficiarse deste recurso, a supercomputación, que está detrás das previsións meteorolóxicas, a seguridade do tráfico marítimo, os estudos sobre cambio climático, o deseño de novos fármacos ou da dixitalización da Industria 4.0, entre outros”.
Tamén lembrou que o CESGA achega na actualidade un servizo diario a máis de 500 investigadores e tecnólogos das tres universidades galegas e do CSIC; participando en máis de 200 proxectos de I+D+i; manexando a maior plataforma de ensino en liña pública en Galicia (cunha media de 3.000 usuarios) e promovendo a xeración de talento formando a novos licenciados e profesionais de empresas (“só o pasado ano colaborou con preto de 80 firmas”, dixo). Conde destacou tamén o papel do “buque insignia do CESGA”, o supercomputador Finisterrae, un dos 13 cos que conta a Rede Española de Supercomputación da que forma parte o CESGA desde hai 2 anos.

PUBLICIDADE