O CESGA e o Instituto Tecnolóxico de Canarias colaborarán en proxectos de supercomputación

martes, 6 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) continúa a ampliar a súa listaxe de emprazamentos colaboradores. Unha das máis recentes alianzas é a establecida co Instituto Tecnolóxico de Canarias, ITC, con quen traballará o centro galego no desenvolvemento científico-tecnolóxico, no intercambio de experiencias e na posta en marcha de proxectos vinculados á supercomputación. Segundo informan fontes do CESGA (na imaxe), o acordo parte dunha situación inmellorable: ámbolos dous centros coinciden en liñas de actividade, polo que todo apunta a unha meirande optimización dos recursos de computación dentro do Sistema Español de e-Ciencia, recursos entre os que se conta o superordenador Finis Terrae, albergado no CESGA.
A cooperación participa dun espírito pleno de posta en común de recursos: abrangue non só o emprego de ferramentas de computación compartidas, senón tamén a colaboración dos investigadores e técnicos de ámbalas dúas institucións en proxectos científicos.
Polo que respecta á natureza e obxectivos do novo aliado do CESGA, o ITC, dicir que leva anos promovendo iniciativas de I+D nos eidos da Biotecnolóxica, as Enerxías Renovables (sistemas para a subministro de electricidade illados da rede eléctrica, desalgación de augas, potencial das microalgas, etc), a Enxeñería Mecánica, o procesado e a visualización de datos e o estudo da auga. Un dos obxectivos do acordo é poñer ao servizo das devanditas áreas locais de investigación a ampla experiencia do CESGA en materia de cálculo intensivo e supercomputación, procesos imprescindibles para o desenvolvemento da ciencia.
O Instituto Tecnolóxico de Canarias S.A (ITC) é unha empresa pública, creada polo Goberno de Canarias e que centra as súas actividades dentro dos eidos de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, todo iso ao servizo das empresas de Canarias.

PUBLICIDADE