O CESGA e o CITIC apoiarán ás industrias en materia de explotación da Computación Cuántica

martes, 6 de outubro do 2020 S. P.

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC apoiarán a grandes industrias na súa explotación da Computación Cuántica a través do proxecto NExt ApplicationS of Quantum Computing (NEASQC), que xunta un consorcio multidisciplinar de expertos académicos e da industria en Computación Cuántica, Computación de Alto Rendemento, Intelixencia Artificial, Química, Banca e xestión enerxética.
NEASQC, explicaron o CESGA e o CITIC, ten como obxectivo “demostrar que existen casos de uso de prácticos e relevantes onde é interesante empregar os dispositivos NISQ que estarán dispoñíbeis nun futuro próximo”. Segundo engaden, a computación NISQ pode ofrecer vantaxes significativas cando se executan certas aplicacións, “brindando así beneficios revolucionarios aos usuarios, e en particular aos usuarios industriais”.
O proxecto NEASQC reúne a 12 organizacións de 8 países europeos. En Galicia participan CESGA e o CITIC, traballando conxuntamente en dous casos de uso de interese sanitario e financeiro. Esta iniciativa de 4 anos ten un orzamento de 4,67 millóns de euros, financiado pola Comisión Europea no marco do programa Horizonte 2020.
O consorcio NEASQC elixiu 9 casos de uso industriais e financeiros compatíbeis con NISQ, e desenvolverá novas técnicas de software cuántico para resolvelos cunha “vantaxe cuántica demostrábel”, explican o CITIC e o CESGA, engadindo que a “máxima ambición de NEASQC é animar ás comunidades de usuarios europeas a investigar a computación cuántica NISQ, e para iso, o consorcio do proxecto definirá un conxunto de ferramentas completo e común que porá a disposición dos novos actores industriais”. Estes “terán a posibilidade de utilizalas para iniciar a súa propia investigación práctica e compartir os seus resultados”, explicou Cyril Allouche, coordinador do NEASQC.
O proxecto tamén ten como obxectivo, tamén, “construír unha ponte moi necesaria entre as actividades de hardware de computación cuántica”.
O proxecto NEASQC reúne a expertos académicos e usuarios finais industriais para investigar e desenvolver unha nova xeración de aplicacións habilitadas para computación cuántica que poidan aproveitar os sistemas NISQ nun futuro próximo. NEASQC baséase en casos de uso e aborda problemas prácticos como o descubrimento de fármacos, a captura de CO2, a xestión da enerxía, o procesamento da linguaxe natural, a detección do cancro de mama, a avaliación probabilística de riscos para as infraestruturas enerxéticas ou a optimización de pozos de hidrocarburos.
NEASQC é un dos proxectos seleccionados dentro da segunda onda de proxectos do programa europeo Quantum Flagship. Este proxecto recibiu financiamento do programa de investigación e innovación Horizonte 2020 da Unión Europea en virtude do acordo de subvención No 951821.
O proxecto NEASQC está dirixido por un consorcio europeo que inclúe:
· Atos (Bull SAS), número un europeo en computación de alto rendemento e iniciador do primeiro programa da industria da computación cuántica en Europa (coordinador do proxecto, Francia).
· AstraZeneca AB, a empresa biofarmacéutica mundial dirixida pola ciencia (Suecia).
· CESGA (Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia), centro público de referencia en HPC (España).
· Electricité de France (EDF), líder mundial en enerxías baixas en carbono (Francia).
· HQS Quantum Simulations GmbH, unha spin-off do Instituto de Tecnoloxía de Karlsruhe que desenvolve software para simulacións de materiais de mecánica cuántica (Alemaña).
· HSBC Bank Plc, unha das organizacións de servizos bancarios e financeiros máis grandes do mundo (Reino Unido).
· Leiden University, a través do Leiden Institute of Advanced Computer Science, que posúe unha recoñecida experiencia en algoritmos de computación cuántica, aprendizaxe máquina cuántica e computación de alto rendemento (Países Baixos).
· Universidade Nacional de Irlanda Galway, a través de ICHEC, o Centro Irlandés de Computación de Altas Prestacións (Irlanda).
· TILDE SIA, unha PEME líder en Europa en tecnoloxía lingüística (Letonia).
· TOTAL S.A., a multinacional enerxética (Francia).
· Universidade da Coruña, con experiencia en finanzas matemáticas e Intelixencia Artificial Simbólica (España), a través do Centro de Investigación TIC (CITIC).
· Université de Lorraine, a través do laboratorio LORIA (Francia).

PUBLICIDADE