O CESGA e IBM lévannos da man aos segredos da tecnoloxía cognitiva

mércores, 14 de setembro do 2016 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a multinacional IBM van organizar o vindeiro 19 de setembro un obradoiro sobre o uso de tecnoloxías cognitivas para permitir aos desenvolvedores que traballan na nosa terra (en empresas e institucións de investigación) afondar nas potencialidades destes recursos TIC. Estas tecnoloxías cognitivas, como lembraremos, son un dos puntais da andaina presente e futura de IBM (de onde xorde precisamente o seu sistema Watson, un dos sistemas informáticos mundiais con meirande capacidade para o procesamento datos en tempo real, senón o que máis). O obradoiro inclúe unha parte práctica para que os asistentes poidan experimentar e probar a súa utilización. O acceso é aberto e de balde.
A actividade desenvolverase na sede do CESGA no Campus Sur de Santiago a partir das 10.00 horas. Terá unha duración de catro horas. O seu obxectivo concreto é “presentar as capacidades das tecnoloxías cognitivas Watson e Bluemix de modo práctico”. Os asistentes terán a oportunidade de probar estas tecnoloxías de primeira man. A xornada vai dirixida, sobre todo, a técnicos de empresas, investigadores e desenvolvedores en Galicia con interese na creación e deseño de solucións baseadas nestas tecnoloxías. A axenda abrangue unha vertente teórica (que é Watson, solucións cognitivas, casos de uso, o funcionamento de Bluemix) e outra práctica para probar a fondo e “saborear” estas tecnoloxías (como acceder a Bluemix e aos seus principais compoñentes, desenvolvemento e aplicacións en Bluemix, servizos Watson en Bluemix, etc).
A relatora do obradoiro será Ana Isabel Rodríguez García, arquitecta de solucións TI e experta no deseño e asesoría de proxectos e equipos de traballo, amais de especialista en arquitectura de empresa e aplicacións, estratexias tecnolóxicas, sistemas de información, integración e desenvolvemento de aplicacións.

PUBLICIDADE