O CESGA duplica a súa capacidade de cálculo e afianza a súa presenza en proxectos globais de computación

martes, 6 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vén de ampliar a súa capacidade de cálculo, grazas á incorporación dun servidor especialmente encamiñado a proxectos de investigación Grid (redes e recursos compartidos para a investigación). Isto quere dicir que o centro galego vai afondar aínda máis no feito de converterse no elo dunha gran cadea: a que está integrada por grandes ordenadores de todo o mundo e que traballan, achegando cadansúas capacidades, en proxectos científicos comúns. Niso precisamente se apoian as iniciativas Grid: na teoría de que dous cerebros, sempre e cando non haxa algo ou alguén que lles poña trabas, funcionan sempre mellor ca un (máis rápido e de xeito máis eficaz). E o que é aplicable ós cerebros, neste caso tamén se pode aplicar ós recursos computacionais.
O novo servidor foi presentado este martes 6 na propia sede do CESGA, perante a presenza do director xeral de I+D, Salustiano Mato e o director do CESGA, Javier García Tobío. Ámbolos dous concordan neste punto: a tecnoloxía, e neste caso que nos ocupa a supercomputación, pode axudar a mellorar a calidade de vida de persoas de todo o mundo, contribuíndo á loita contra determinadas doenzas (VIH, malaria, gripe aviaria) desenvolvendo novos fármacos ou previndo na medida do posible catástrofes naturais. Mais iso non o pode facer un único ordenador, por moi potente que sexa, xa que se teñen que levar a cabo operacións de cálculo dunha envergadura ben difícil de enxergar. Esa é a razón da posta en marcha do novo servidor do CESGA: achegar unha man ó traballo compartido para levalo á cabo no menor tempo posible.
O novo sistema duplica a capacidade de cálculo do centro galego e abre os recursos deste a un meirande número de usuarios, minimizando o tempo de espera para abordar operacións en cola. Vén integrado con 228 cores de proceso, 144 xigabytes de memoria RAM e 4.500 de disco. Nun principio, o servidor vai permitir que o CESGA comparta máis traballos e de xeito máis rápido con centros espallados en case 40 países. Un destes proxectos é o da procura dun novo fármaco contra a malaria, que a partir deste verán entrará nun nova fase de traballo, con forzas e recursos (como o do CESGA) anovados. Coa incorporación do devandito servidor, o centro de investigación galego sitúase nun nivel de capacidade de máis de catro billóns de operacións por segundo.
Chaves para entender a computación Grid
O do Grid é un mundo que imos coñecendo por partes. O que queda aínda por descubrir del é moitísimo máis do que xa se descubriu, tales son as súas posibilidades. Así, temos entre mans un gran iceberg do que só aboia por riba da superficie unha pequena puntiña. A raizame do Grid non está nos grandes investimentos en supercomputación ou mesmo na creación de máis ordenadores, senón máis ben en aproveitar e optimizar os que xa existen, sen sequera deixar fóra de xogo ós computadores de toda a vida que xa estamos a piques de relegar ó esquecemento. Un sistema Grid ben engraxado viría a ser algo así como o traballo social en colectividade (comunas, bancos de tempo) aplicado ó eido dos ordenadores. Todo o mundo ten algo que achegar, tódalas mans son valiosas.
A finalidade deste traballo compartido é resolver en menos tempo e con maior eficacia problemas que requiren importantes operacións de cálculo. Por exemplo: a loita contra o cambio climático, a previsión de catástrofes (sobre todo asolagamentos, que é no que se está a traballar moito), o descubrimento de novos fármacos.
Tanto para centros de investigación como para institucións e como para empresas, o Grid significa aforro e volta do investimento. Probablemente, teñamos que remitirnos a un exemplo xa comentado neste medio para entendérmolo ben. Este exemplo parte do seguinte alicerce: a rede interna dunha universidade calquera de certa envergadura. Para todas aquelas operacións de cálculo que se precisan (que poden chegar a ser moitas), ben se poderían aproveitar eses intres de calma dos seus computadores. Isto podería ter unha consecuencia: non lle sería preciso á universidade mercar un supercomputador. Nisto basicamente consiste o devandito aforro a longo prazo: nesa miúda revolución dos recursos que xa tiñamos ó noso carón e nos que non reparáramos.
O Grid achega unha manchea de vantaxes para as empresas, sobre todo para as de maior tamaño, e tamén para as institucións e os centros de I+D: pódese aplicar este sistema de aproveitamento dos recursos para a xestión de nóminas a finais de mes ou á creación de efectos especiais para películas, por poñer uns exemplos collidos ó voo.
Existen estruturas Grid de cálculo e de datos, e estes últimos, no canto de distribuír cálculo, distribúen datos, operando igual ca un disco duro de grandes dimensións, non, de grandísimas dimensións. Téndese a identificar Grid con computación, pero non ten porque ser sempre así.
Galiza comezou a traballar nestas redes de tratamento de datos e cálculos en 1999, tres anos despois de que se comezaran a levar á práctica e de xeito masivo en Estados Unidos. Europa é neste intre líder no emprego destas novas infraestruturas, nas que o software libre xoga un papel fundamental (permite máis interoperatividade).
Primeiro Congreso Ibérico Grid, entre o 14 e o 16 de maio
O Grid e as súas posibilidades como rede de redes para os científicos do mundo será o alicerce da primeira edición do Congreso Ibérico GRID que se vai celebrar en Santiago entre o 14 e o 16 de maio, organizado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). No encontro, no que se van dar cita investigadores da Península e tamén de Latinoamérica (compartindo experiencias e coñecemento), tamén servirá para pór en marcha unha rede conxunta hispano-portuguesa. Isto ten o seu xermolo no pasado 25 de novembro de 2006, nun acordo entre os presidentes de ámbolos gobernos que, entre outras actuacións encamiñadas a habilitar espazos comúns de investigación, acórdase a creación dun Grid compartido, amais da organización da devandita xuntanza. Para máis información, cómpre visitar a páxina habilitada polo CESGA: www.ibergrid.com.

PUBLICIDADE