O CESGA convoca a nova edición da súa escola de verán para programadores do eido científico

xoves, 17 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vén de convocar a terceira edición da súa escola de verán, unha iniciativa encamiñada a emprazar a investigadores e desenvolvedores de programas avanzados nun escenario formativo onde estean en disposición de mellorar e ampliar os seus coñecementos. Falamos da CESGA Computational Science Summer School, actividade a celebrar do 4 de xullo ao 30 de setembro e que dará acubillo a licenciados, enxeñeiros, investigadores e programadores especializados en programación científico-técnica, tanto do eido da ensinanza como do empresarial.
A iniciativa formativa, por certo, tamén está encamiñada a achegarlle coñecemento de valor a aqueles profesionais que queiran tirar o máximo partido das novas arquitecturas de procesadores.
Máis en detalle, e segundo avanza o propio CESGA, os obxectivos da actividade son os seguintes: achegar capacitación no desenvolvemento de aplicacións científicas de cálculo intensivo e fornecer de capacitación na programación de ferramentas de computación paralela.
O curso artéllase en dous niveis centrados cada un no cumprimento das devanditas finalidades. Para conseguir unha información máis exhaustiva sobre os contidos e os obxectivos, cómpre acceder a un documento en formato PDF especialmente habilitado na Rede polo CESGA.

PUBLICIDADE