O CESGA consolida a súa boa sintonía coa supercomputación castelá cun novo acordo
xoves, 28 de abril do 2011
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vén de dar un novo e importante paso no
seu acopio de alianzas e escenarios de colaboración investigadora. Así nolo
conta Fundación que leva o nome do propio espazo de I+D emprazado no Campus de
Santiago, que vén de asinar un acordo coa Fundación Centro de Supercomputación
de Castela e León (FCSC) que, entre outras cousas, diríxese a dar soporte e
contido a convenios previos de investigación establecidos entre os gobernos de ambas
comunidades. No acto de formalización desta alianza, desenvolvido na Delegación
territorial da Junta de Castela e León, fíxose saber que unha das materias
clave onde se proxecta unha máis ampla marxe de participación conxunta é,
precisamente, a supercomputación. Ou sexa, o cálculo intensivo con fins
sociais, científicos, médicos, meteorolóxicos ou empresariais xerado polos
macroordenadores aos que dán acubillo ámbolos centros, destacándose no caso
galego o Finisterrae.
No acto de sinatura participaron Antonio Silván (consejero
de Fomento de Castela e León e presidente da FCSC), Ricardo Capilla (director
xeral de I+D e presidente do CESGA) e máis os dous directores dos devanditos centros
de supercomputacuón. Segundo se apunta xa nun eido máis concreto, o convenio
implicará a posta en marcha dun plan de formación complementario ao dos
centros, un plan conxunto de difusión da computación de altas prestacións así
como un plan de mobilidade de investigadores e tecnólogos entre centros. Búscase
tamén formalizar un grupo de traballo técnico inter-centros para a optimización de recursos e nivel de satisfacción
dos usuarios.
O acordo, froito do Protocolo Xeral de Colaboración entre ámbalas
Xuntas, dá contido e soporte para
outros acordos previos e específicos en 21 áreas diferentes. Estes achegamentos
precedentes materializáronse, por exemplo, nunha iniciativa levada a cabo o
pasado mes de outubro entre o CESGA e a FCSC que consistiu na primeira proba de
cloud de computación de altas
prestacións desenvolvida a nivel internacional entre este tipo de centros
españois. Así nos conta as orixes e obxectivos deste traballo conxunto o noso
compañeiro Fernando Bouzas dende o propio CESGA: “O grupo Scientist Against Malaria (SAM), solicitou con urxencia capacidade de computación para o
crebado virtual dunha quimioteca de máis de 300.000 compostos químicos
orixinais, a estudar sobre unha diana terapéutica e logo desenvolver novos
fármacos contra o parasito Plasmodium, causante da Malaria”.Deste xeito, e
para dar resposta ao reto computacional que se lles expuña no tempo solicitado,
e sen prexudicar o traballo dos demais usuarios doscentros, “o CESGA e o FCSCL desenvolveron un Cloud HPC
híbrido, utilizando o equipamento de computación e almacenamento distribuído
entre ambas as institucións”.
Empregouse o cloud xa
desenvolvido para o Proxecto NUBA, no que participa o CESGA, e estendérono ao equipamento do FCSCL. A
xestión entre ambos os centros realizouse empregando o software para
computación cloud desenvolvido tamén
en España, Open Nebula, co que se
xestionaron os nodos de ambas as localizacións, despregando máquinas virtuais
indistintamente nunha ou outra institución en función de criterios de
optimización dos recursos de computación. “Para
a conexión dos centros”, explica Bouzas, “empregouse a Rede de Investigación e Académica RedIRIS, que
proporcionou o ancho de banda necesaria para a experiencia”. En opinión dos
científicos participantes, a colaboración entre ambos os centros demostrouse
como un apoio fundamental no desenvolvemento da investigación de grupos
internacionais e un paso máis na investigación das tecnoloxías cloud para servizos de computación.
O éxito desta iniciativa conxunta tamén serviu para abrir
novos vieiros de colaboración futura, vieiros que se asentaron esta semana co
devandito convenio de colaboración asinado ao abeiro do Protocolo Xeral de
Colaboración entre ámbalas xuntas en
xaneiro de 2010.