O CESGA celebra na primavera o evento Información Cuántica en España

mércores, 18 de xaneiro do 2023 S. P.

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e a USC organizan esta primavera, entre o 29 de maio e o 1 de xuño, o evento Información Cuántica en España - ICE-8 (Quantum Information in Spain), a conferencia da Rede de Información e Tecnoloxías Cuánticas en España (RITCE), RED2018-102707-E, que, segundo informou o CESGA, “brinda un lugar de encontro para a comunidade e investigadores internacionais no eido cuántico, con énfase en dar visibilidade ao traballo de investigadores júniors”.
ICE-8 cobre os aspectos máis relevantes do campo da ciencia e tecnoloxía da información cuántica: computación cuántica, comunicacións cuánticas, metroloxía e detección cuántica, e outras tecnoloxías cuánticas, co obxectivo de axuntar academia e industria.
Esta edición organízana CESGA, IGFAE e USC. Está confirmada a participación dos seguintes convidados: Daniel Barredo (CSIC), Daniele Ottaviani (CINECA, Bologna), Dennis Schlippert (Leibniz University Hannover), Joaquín Fernández Rossier (INL, Braga), Menno Velhorst (QuTech, Delft), Sofía Vallecorsa (CERN, Geneva), Valerio Pruneri (ICFO, Barcelona) e Vedran Djunko (University of Leiden).
O evento celebrarase na Facultade de Matemáticas da USC.

PUBLICIDADE