O CESGA busca empresas manufactureiras para realizar experiencias de simulación

xoves, 14 de novembro do 2013 Redacción

Javier García Tobío, director do CESGA

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vén de informar dunha nova iniciativa na que está a traballar, achegando a súa longa experiencia en recursos de cálculo, eficiencia e formación, unha iniciativa centrada desta volta nun ámbito claramente empresarial. Máis polo miúdo, do que se trata é de convocar pequenas e medianas empresas interesadas en realizar experiencias de simulación co fin de que entren en contacto cos especialistas do CESGA, que lles axudarán na preparación das súas propostas para acceso a bolsas de financiamento. O centro galego informa que coordinará a presentación de propostas de enxeñarías e industrias de España e Portugal. Estas empresas disporán de acceso “ás meirandes estruturas de computación en Europa e aos mellores expertos en computación e simulación para avaliar o seus problema”, engade o CESGA.
Para os investigadores do centro galego a simulación é unha ferramenta clave para a competitividade das empresas. Nisto, coinciden punto por punto co establecido no programa de Factorías do Futuro da Comisión Europea, que tamén engade o potencial de ámbitos como a robótica no desenvolvemento das nosas PEME. Este convencemento da Comisión levouna a crear a iniciativa I4MS (ICT Innovation for Manufacturing SMEs, en galego Innovación TIC para as PEME Manufactureiras) a través da que está a financiar diversos proxectos demostradores e avaliadores das posibilidades que estas tecnoloxías ofrecen. Dentro deste programa, precisamente, o centro de infraestruturas e servizos CESGA, o centro tecnolóxico AIMEN e a empresa de enxeñaría Texas Controls participan no proxecto Fortíssimo. Entre outras responsabilidades, o CESGA encárgase de coordinar a preparación de propostas de experimentos por parte de PEME españolas e portuguesas.
Lembrar que Fortíssimo é un servizo paneuropeo de cómputo de altas prestacións na nube para empresas. O proxecto financia experiencias innovadoras para contribuír ao deseño e a demostración do potencial dun conxunto de servizos de computación de altas prestacións na nube. O seu obxectivo principal é facilitar á industria manufactureira europea, sobre todo PEME, o beneficio das vantaxes competitivas e de eficiencia do uso da simulación. “Isto”, explica o CESGA, “conseguirase a través da provisión de servizos de simulación baseados nunha infraestrutura cloud sobre contornas de computación de altas prestacións (HPC)”.
Fortíssimo, neste senso, fará accesíbeis os servizos avanzados de simulación para usuarios industriais, empregando o concepto de portelo único, onde o hardware, o software, o coñecemento técnico, a visualización e as ferramentas ficarán accesíbeis de xeito doado. Arestora están a executarse 20 casos de uso industrial. Fortíssimo busca neste intre máis experiencias para investigar e amosar os servizos de simulación para empresas manufactureiras e de enxeñaría. Para iso, abriuse este mes de novembro unha convocatoria de novos experimentos cun financiamento total de 5 millóns de euros e cun financiamento por caso de 250.000 euros. As empresas interesadas en propor proxectos de uso e acceder a este financiamento podar contactar con CESGA a través de fortissimo@cesga.es. Tamén se lles informa que teñen á súa disposición webinars públicos que se celebrarán a semana vindeira, o mércores 20 de 11:00 a 12:00h e o xoves 21 de 17:00 a 18:00h.

PUBLICIDADE