O CESGA achegará recursos tecnolóxicos ao proxecto Innopharma

mércores, 2 de abril do 2014 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) apoiará cos seus sistemas de supercomputación a busca de novos fármacos que a Universidade de Santiago está a levar a cabo no marco do proxecto Innopharma. Esta iniciativa inclúe a creación dunha plataforma de farmacoxenómica que une as capacidades das Plataformas de Xenómica e de Cribado de Fármacos da universidade, liderados polos doutores Ángel Carracedo e Mabel Loza, respectivamente.
O obxectivo de Innopharma é suplir a falta de transferencia entre os centros de coñecemento e o mercado en Galicia. Desta forma, mediante o establecemento de colaboracións estratéxicas entre os ámbitos público-privados do sector biofarmacéutico, Innopharma pretende potenciar este sector en Galicia e convertelo nun referente internacional no ámbito do descubrimento temperán de fármacos.
A iniciativa permite ampliar as súas capacidades tecnolóxicas dos departamentos universitarios, pero á vez esta tecnoloxía xera un gran número de datos que é necesario almacenar, ordenar e, sobre todo, xestionar, co fin de que o persoal investigador poida acceder a esta información de forma rápida e eficiente. É neste labor no que o CESGA apoia ao proxecto, do que se informou nun acto ao que asistiu o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela.
En concreto, proporciona o soporte necesario en tecnoloxías da información para que Innopharma poida deseñar e prestar os seus servizos dun xeito escalable, eficiente e seguro, proporcionando tanto a infraestrutura tecnolóxica como o soporte técnico requirido.
Tamén posibilita que estes servizos teñan acceso á capacidade de computación, almacenamento e comunicacións necesaria para proporcionar tempos de resposta axeitados á importancia do proxecto. Dende o punto de vista da seguridade da información, o apoio do CESGA permite dotar a estes servizos de proteccións avanzadas que garantan a confidencialidade da información, a protexan de accesos non autorizados, e, por último, que garantan a súa recuperación en caso de fallo, así como a súa preservación.

PUBLICIDADE