O CESGA achega recursos para acadar unha pesca máis substentábel

luns, 17 de setembro do 2018 Redacción

Poden as tecnoloxías de vangarda, baseadas na análise do Big Data, no modelado e no cómputo de alto rendemento, salvar o medio ambiente? A resposta, segundo nos lembrou a semana pasada dende Vigo Marine Instruments, e segundo nos recorda o CESGA hoxe dende Santiago, é positiva. Ou, polo menos, todo apunta a que debera selo, polo que cómpre favorecer a obtención de recursos para que así sexa. Un exemplo disto é o proxecto no que está a traballar un equipo do Instituto de Ciencias Marinas de Andalucía (ICMAN), co soporte do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), e que achega respostas concretas ao problema da sobre-explotación pesqueira nunha contorna concreta.
A través deste proxecto, as dúas entidades desenvolveron e puxeron en práctica un modelo matemático que permite describir o estado da anchoa ou bocarte (unha especie que estivo a piques de desaparecer en 2006) no Golfo de Cádiz e prognosticar o seu futuro. Segundo explica o centro galego, este traballo foi validado polo comité europeo de expertos que subministra a visión científica aos políticos para asesorar ao Parlamento Europeo.
O traballo que están a desenvolver o ICMAM e o CESGA apóiase nunha preocupante e demostrábel realidade: o mar esgótase, e moitas especies están ao bordo do colapso. Neste punto, o problema agrávase cando non hai parámetros nin metodoloxías exactas, pormenorizadas, que acheguen pautas de valor para as autoridades encargadas de permitir ou prohibir a captura de determinadas especies, de que forma, en que áreas ou en que época do ano. Porén, os modelos matemáticos cobren estas eivas, achegando ferramentas para calcular a cantidade de peixes e debuxar un mapa do estado de cada area pesqueira, segundo explican dende o CESGA, salientando a importancia destes datos para que “as institucións políticas regulen a pesca de cada especie, garantindo que sexa sustentábel”. A clave, neste senso, está en “asegurar que un número de individuos sexa quen de reproducirse con éxito para a seguinte tempada, e que, ao mesmo tempo, a actividade sexa rendíbel para o sector pesqueiro”.
Os traballos a desenvolver
O modelo matemático en cuestión veu da man do Grupo de Oceanografía de Ecosistemas do Departamento de Ecoloxía e Xestión Costera do ICMAN-CSIC, formado por unha ducia de científicos. O modelo serve para determinar o traballo do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM o ICES), o comité europeo de expertos que asesora cientificamente ao Parlamento Europeo. A cota desta pesquería do sur decidirase en base aos cálculos probados polo equipo especializado en asesoría para a xestión da pesca.
A creación do modelo foi posíbel, tamén, grazas aos servizos do CESGA. Segundo explica Margarita Rincón, “Cada proba do modelo precisa catro horas de cálculo a máxima velocidade. Nun ordenador normal sería infinitamente máis. Se cadra unha operación imposíbel de realizar. Cada vez que cambio un parámetro nun modelo ábrense moitas posibilidades e hai que realizar un cómputo simultáneo”, expresa Rincón, que engade que sen os sistemas e a tecnoloxía do centro galego, o proxecto dificilmente tería chegado a bo porto.
Segundo engade, a versión elixida polo ICES foi a número 59. E explica: “Para chegar ao modelo final houbo 58 modelos previos, coas horas de supercómputo que implica. Cada un consta dunhas celas por idades e por talles, dende unha poboación inicial estimada. A isto hai que ir engadindo a taxa de crecemento, a mortandade natural por pesca, a taxa de reprodución… e ir completando as celas. A actualización permite ver a evolución da pesqueira e atopar os mellores parámetros para que a cantidade de individuos estimada de anchoa sexa consistente con toda a información que se posúe para predicir o que acontecerá no futuro”, engade a científica.
As autoridades europeas transmitirán agora a través deste modelo a cota de bocarte no Golfo de Cádiz axeitada para a vindeira campaña. O modelo elaborado polo ICMAN-CSIC co apoio do CESGA sintetiza, para iso, o ciclo de vida dos peixes “tendo en conta a influencia do ecosistema e o efecto da pesca”. Segundo explica o centro galego, “a fórmula matemática converte ecuacións en beneficios para a sociedade e o coidado do medio ambiente”.

PUBLICIDADE