O CEIP Virxe da Cela e o CEIP Javier Sensat impuxéronse no SuperReto DigiCraft en Galicia

mércores, 11 de maio do 2022 S. P.

A Fundación Vodafone España participou no Congreso DixInnova 2022, evento de innovación educativa e dixital celebrado os días 10 e 11 de maio na Cidade da Cultura de Santiago. A Fundación Vodafone tivo unha ampla presenza grazas ao seu programa DigiCraft, iniciativa pioneira que dota de competencias dixitais aos estudantes de Primaria. Na cita a empresa ofreceu obradoiros sobre o programa aos 1.400 membros da comunidade educativa que pasaron polo encontro e participou na clausura do ano escolar do programa, ao que asistiron máis de 700 alumnos. Tamén se deron a coñecer os gañadores da II Edición do SuperReto DigiCraft en Galicia.
Os colexios gañadores desta final autonómica foron a clase de 2º do CEIP Plurilingüe Virxe da Cela da Coruña na categoría de 6 a 8 anos co seu proxecto Animais en perigo mostras de sangue; e na categoría de 9 a 12 anos a clase 6ºB do CEIP Plurilingüe Javier Sensat de Vigo co seu proxecto Sementeiros na horta escolar.
No certame participaron os 174 centros educativos de toda Galicia nos que se imparte xa o programa DigiCraft, involucrando a máis de 9.500 alumnos a desenvolver proxectos innovadores.
En total recibíronse case 40 contribucións de 17 centros educativos, todas ligados a propostas do alumnado para solucionar problemas ambientais centrados na extinción das especies, a contaminación ou os incendios forestais.
Estes proxectos debían integrar o uso de polo menos un material tecnolóxico estudado durante o curso DigiCraft.
Os dous devanditos equipos recibiron como premio un kit tecnolóxico valorado en 300 euros, un trofeo conmemorativo para o centro e material promocional para a aula. Ambos os grupos participarán o vindeiro 14 de xuño na SuperFinal Nacional, que se celebrará na sede de Vodafone en Madrid e á que acudirán os 10 equipos gañadores das diferentes comunidades e, de entre eles, escolleranse aos dous equipos gañadores a nivel nacional.
O evento contou coa presenza de Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia; José Luis Mira, secretario xeral de Educación e Formación Profesional; Mar Pereira, directora da axencia AMTEGA; e Gloria Placer, directora xeral da Fundación Vodafone España, quen fixo saber que “con esta iniciativa reforzamos o noso compromiso a seguir traballando para favorecer a educación en competencias dixitais desde idades temperás, apoiando a transformación dixital que necesita a nosa sociedade. Buscamos, ademais, a sensibilización dos máis novos coa súa contorna, cos retos da sustentabilidade e ofrecerlles a oportunidade de pensar que poderían facer para lograr un mundo mellor”.
DigiCraft é unha iniciativa da Fundación Vodafone España que, mediante a colaboración coas Consellerías de Educación das Comunidades Autónomas, preséntase nas aulas como un itinerario formativo que pretende espertar nos alumnos o interese polo mundo dixital, ampliando as súas competencias dixitais a través do xogo e a experimentación.
Os centros educativos galegos que participaron na final do SuperReto DigiCraft de Galicia son: Colexio Calasanz, CEIP Plurilingüe Javier Sensat, CEIP Ramón Falco, CEIP Plurilingüe Virxe Do Monte, CEIP de Albeiros, CEIP Plurilingüe O Castro, CEIP Santo Anxo, CEIP Portofaro, CEIP Vistahermosa, CEIP Plurilingüe de Roboreda, CEIP Do Foxo, CEIP Plurilingüe Virxe Do Corpiño, Colexio Divina Pastora, CEIP Plurilingüe Karbo, CEIP Xoaquín Loriga, CEIP Plurilingüe Virxe da Cela e CEIP Plurilingüe A Encarnación.

PUBLICIDADE