O CEIP Barouta de Ames o terceiro capítulo da webserie Aquí medra a lingua

luns, 11 de abril do 2022 S. P.

O proxecto Aquí medra a lingua, webserie do Consello da Cultura Galega destinada a mostrar proxectos escolares de dinamización lingüística, vén de engadir o cuarto dos seus capítulos. Trátase dun audiovisual centradoi na experienhcia do CEIP Barouta e titulado Alianzas necesarias.
O CEIP Barouta de Ames foi un dos centros que participou do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, unha investigación da Real Academia da Galega (RAG) que segundo lembra o CCG acendeu todas as alarmas sobre o uso do galego entre a infancia e a xuventude. Aínda que a investigación rematou, a colaboración coa RAG segue en marcha para redeseñar o seu Plan de Dinamización Lingüística e atender aos desafíos que presentan os novos datos.
Neste capítulo participan Alonso Barreiro Caxade, Paula Casal Barreiro, Gabino Vázquez-Grandío, Ignacio Pose Couto, María Belén Domínguez Rey, Montserrat Castro Rodríguez, David Conde Varela, Sonia Lamas, Laura Trincado e Laura Hernáiz.
O proxecto
Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG que coordina Carme Garcia Mateo, que busca amosar que as escolas son “un cómplice indispensábel na lingua galega e da súa transmisión”. Segundo explican, as diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas que ofrecen “un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia”. Esta experiencia audiovisual, dirixida pola valdeorresa Cristina de la Torre, está estruturada en seis capítulos que arrincaron os días pasados con O modelo Burela, e que se irán subindo semanalmente xunto cunha ficha descritiva de cada centro a un especial do web do Consello da Cultura Galega.
Comezou o 21 de marzo co IES O Perdouro de Burela e logo seguiu co CPI da Saleta de Cea e co IES Félix Muriel de Rianxo (4 de abril) e agora co CEIP Barouta de Ames (11 de abril). O seguinte será o CRA Nosa Señora de Ponteceso (18 de abril). A serie remata o 25 de abril no CEIP de Moaña. Son seis centros que están espallados por toda a xeografía galega, que amosan as diferentes accións de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso. Ao remate, todas esas visións xuntaranse nun documental único que condensa todo o material e que ofrece unha visión realista sobre o galego na escola.

PUBLICIDADE