O CEI Nodus de Lugo converteuse en referente da innovación en feminino

venres, 30 de novembro do 2018 Redacción

O CEI Nodus de Lugo rebordou hoxe de capacidades innovadoras en feminino: tanto entre as relatoras da Mesa Talento en Feminino como entre o público. A cita veu da man da Concellería de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, xunto coa Asociación de Mulleres Empresarias, co obxecto de mostrar e fomentar o espírito innovador das nosas emprendedoras. A inauguración correu a cargo de Ana Prieto, que deu paso á presentación de tres proxectos de éxito postos en marcha por outras tantas mulleres.
Trátase de Mónica Pérez, fundadora de Triesfera, unha empresa de deseño e impresión en 3D que saíu do plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking do Concello; Noemí Bellas, fundadora de Libolis, a primeira escola de emprendemento para nenas e nenos de Galicia (e un dos principais puntais dos obradoiros de tecnoloxías e robótica Crea R); e Maruxa García, xerente e cofundadora de Tastelab, a primeira empresa de tecnoloxía de análise sensorial de España, spin-off do Campus Terra.
No acto, Prieto amosou o apoio do Goberno local a todas aquelas iniciativas, actividades e ideas que impulsen o emprendemento, en especial o feminino, ao tempo que destacou o papel de visualización que se consegue con este tipo de xornadas, coas que se lembra e homenaxea a todas aquelas mulleres innovadoras, que axudaron e axudan co seu talento ao avance da sociedade.

PUBLICIDADE