O CDTIC virtual da AMTEGA permite achegarse a Zabbix

martes, 10 de outubro do 2017 Redacción

O Centro Demostrador TIC da AMTEGA amplía a súa oferta de ferramentas informáticas no CDTIC Virtual coa inclusión de Zabbix, solución que permite a monitorización dos servizos e do hardware despregados nunha rede de ordenadores, tanto internamente nunha organización, como os que se teñan dispoñibles a través de Internet. Esta solución permite ter en todo momento información sobre o seu funcionamento, a carga de traballo ou o tráfico que soportan.
Zabbix pode configurase para que en base a esta información emita alertas ou tome medidas automáticas ante a determinadas situacións, como a sospeita dunha fenda de seguridade, un funcionamento anormal dun dispositivo conectado, unha carga excesiva da rede, a falta de espazo de almacenamento, etc. Deste xeito evítase que o servizo deixe de estar operativo e que en caso de caída dalgún sistema pase o mínimo tempo posible ata que nos demos conta.

Obradoiro de Zabbix

Para amosar as vantaxes de empregar esta solución a profesionais e empresas, o CDTIC organiza o vindeiro 18 de outubro unha sesión que leva por título Seminario TIC: introdución á monitorización de sistemas co software libre Zabbix e aplicabilidade a outros campos como a industria, que se levará a cabo nas súas instalacións Santiago de Compostela, en horario de 10:00 a 13:00 horas.
Esta sesión será impartida por Muutech, empresa de solucións de monitorización enfocada, ademais de a contornos de sistemas de información, a contornos industriais e de produción. Recentemente Muutech foi seleccionada como un dos 20 proxectos de ámbito 4.0 invitados a participar na segunda edición do programa de aceleración do Business Factory Auto de Vigo.

PUBLICIDADE