O CDTIC prosegue a súa actividade con seis novas sesións formativas online en abril

martes, 14 de abril do 2020 S. P.

O Centro Demostrador TIC da axencia AMTEGA está a desenvolver estes días un intenso programa formativo: unha completa axenda de xornadas online para ampliar o coñecemento e as capacidades dos nosos profesionais (autónomos, PEME) en tempos de pandemia e crise sanitaria. As sesións serán achegadas até finais de abril en streaming, da man de diversos axentes tecnolóxicos da nosa Comunidade. Baixo o formato #DemosXweb, búscase “fomentar o teletraballo e tratar diversos aspectos de utilidade á hora de adoptar esta modalidade de traballo na casa”.
Este tipo de accións colleron impulso co inicio do Estado de Alarma e, segundo informa o CDTIC, proseguirán nas vindeiras semanas de confinamento, con máis actividades de balde e en streaming, nas que imos poder participar a través da web do Centro Demostrador ou nas súas apps de Android e iOS.
Para esta mesma semana están programadas unha sesión sobre comercio electrónico para este martes 14 de abril, que impartirá Hacce; outra de fomento do teletraballo con Microsoft Teams, mañá, día 15, a cargo de Captology; e, por último, unha sobre recomendacións de ciberseguridade e privacidade para o xoves 16 da man da consultora APDTIC. Todas elas están previstas en horario de 10:00 a 10:45.
Ademais, desde o CDTIC xa se está a traballar para ofrecer, ao longo do mes, máis sesións por streaming para “axudar durante o período de confinamento”. Trátase dunha sesión de xestión documental con Docuten para o 22; outra de ciberseguridade con Computer-3, o día 23; e outra de marketing automático o 29.
Cinco actividades con récords de participación
Desde a entrada en vigor do Estado de Alarma celebráronse cinco actividades que tiveron unha grande acollida e nas que, segundo informou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) “batéronse récords de inscrición neste tipo de demostracións en liña”. A elevada participación traduciuse en feitos como as numerosas preguntas polo chat que foron atendidas no momento, coma se se tratase dunha sesión presencial, por parte dos relatores. Para quen non puido seguir en directo estes seminarios, na web do CDTIC están dispoñíbeis para a súa visualización nun apartado específico da páxina do centro.
A última destas sesións antes da Semana Santa foi Mellora a túa comunicación corporativa con Rocket.Chat, retransmitida o 8 de abril e impartida por Queres Tecnologías. Un día antes, o 7 de abril, Christian Delgado falou do uso de WhatsApp na empresa e no comercio, unha sesión na que se afondou no emprego profesional ou mesmo comercial e as boas prácticas desta rede social e na que se alcanzou unha participación récord.
Por outra banda, organizáronse tres sesións dedicadas a temas relacionados co teletraballo: Anubía impartiu, o día 3 de abril, o seminario Xestión de proxectos integrada en OdooERP teletraballando; o 2 de abril, Sistemius abordou os aspectos legais do teletraballo; e o 24 marzo foi a quenda da empresa Dotcom Factory con Teletraballo simple e xa con G-Suite de Google.
Emerxencia sanitaria COVID19
A emerxencia sanitaria do coronavirus forzou a moitas empresas a recorrer ao teletraballo. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a través do CDTIC, quere “servir de guía para favorecer esta modalidade de traballo” publicando diariamente unha entrada sobre diferentes ferramentas que poden ser de utilidade a todas as persoas que, na actualidade, están recorrendo a esta práctica. Podemos acceder a todas estas publicacións a través doutro apartado do CDTIC.

PUBLICIDADE