O CDTIC e Compostela Monumental mostran este martes como pór o noso universo dixital en orde

luns, 27 de abril do 2020 S. P.

A Asociación Compostela Monumental, en colaboración co Centro Demostrador TIC (CDTIC) de Galicia, prosegue esta semana a súa formación tecnolóxica online e de balde, poñendo o foco en incrementar a formación e a competitividade do sector comercial de empresarial de cara á actual tempada de crise sanitaria e, sobre todo, con vistas a cando a situación se normalice e os establecementos poidan volver á exercer a súa actividade. Este martes día 28 de abril celebrarase a charla Tudeo: algunhas claves para poñer o teu universo dixital en orde.
A sesión será impartida polo enxeñeiro en Telecomunicacións e profesional da xestión de proxectos innovadores Rafa García. A charla achegarase por medio de streaming, en horario de 10:00 a 10:45 horas, e no seu transcurso explicaranse as claves do universo dixital, que ferramentas escoller e as mellores prácticas na organización de cartafol e ficheiros.
Éxito dos cursos online
Compostela Monumental puxo o punto e final, a semana pasada, a dous cursos online que resultaron ser un éxito de participación: por unha banda TIC, redes sociais e marca persoal, e pola outra Manipulación de alimentos, ambos dos dous destinados a impulsar a formación e a empregabilidade das mulleres.
O primeiro tivo como obxectivo dar a coñecer ás alumnas as distintas redes sociais existentes de face á procura de emprego e aprender a xestionar a marca persoal de cada unha delas. Teresa Hernández, técnica orientadora de Compostela Monumental foi a encargada de impartir esta acción formativa de 15 horas. Ao mesmo tempo, levou a cabo, tamén online, o Curso de Manipulador de Alimentos, impartido por Recursos Galicia cunha duración de 10 horas. As alumnas participantes no mesmo adquiriron os coñecementos básicos en materia de hixiene e seguridade alimentaria.
Estas accións forman parte do itinerario formativo de turismo e comercio do programa integrado de emprego de Compostela Monumental en colaboración coa Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE