O CDTIC acollerá a vindeira semana a presentación da aplicación Garagapp

venres, 30 de xaneiro do 2015 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de anunciar a presentación da aplicación Garagapp, que terá lugar o vindeiro 5 de febreiro no Centro Demostrador TIC. A dita sesión, que se desenvolverá en horario de 12.30 a 14.00 horas, amosará o engrenaxe da devandita app para a apertura de portas automáticas de garaxe. Dicir que os asistentes poderán coñecer o funcionamento da aplicación Garagapp ou as necesidades de cara á súa distribución.
E a quen vai encamiñada esta sesión? Pois pode resultar de interese para administradores de fincas, instaladores de portas e sistemas de apertura automática, construtores ou promotores urbanísticos e empresas. Encargarase de levar a cabo a demostración Possible Inc, unha compañía de software especializada en aplicacións móbiles e webs complexas, así como todo tipo de aplicacións de software para calquera sector.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC. A asistencia é de balde, sendo aínda posíbel anotarse para asistir, xa que as prazas, até o de agora, non están cubertas. As persoas que non poidan acudir á demostración poderán seguila a través de streaming.
E cal sería a utilidade real de Garagapp? Esta aplicación permite abrir e pechar garaxes sen necesidade de mando a distancia e empregando simplemente o móbil. Instálase un receptor ao lado da porta que simula un mando do garaxe e introdúcese unha clave na aplicación. Pódese mesmo ter máis dunha porta asociada á app (porta da casa, porta da oficina...). Por 3G ou Bluetooth, o móbil conéctase ao receptor e cando se preme o botón ábrese ou péchase a porta.
Para rematar, sinalar que a aplicación Garagapp é un dos proxectos nos que está a participar na primeira convocatoria da iniciativa Galicia Open Future (GOF), impulsada por Telefónica en colaboración coa Xunta.

PUBLICIDADE