O CDTIC acolle este xoves o seminario do CPETIG sobre como achegar máis seguridade nas navegacións dos máis pequenos

martes, 24 de setembro do 2013 Redacción

Este xoves, das 16 ás 20 horas, desenvolverase no Centro Demostrador TIC (CDTIC) de Santiago de Compostela un seminario gratuíto titulado Os menores e o uso seguro das redes sociais. Sinalar que esta actividade está organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG); atopándose inserida no convenio asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O evento diríxese especialmente a pais, titores e formadores, así como a profesionais do sector da educación, tendo como finalidade sensibilizar sobre os principais riscos potenciais que existen na Rede para os menores que non conten coa supervisión axeitada, amais de achegar os recursos precisos para axudar na prevención dos mesmos e minimizar as súas consecuencias.
Emporiso, neste seminario abrangueranse conceptos como ciberbulling (acoso entre menores), grooming (acoso entre un adulto e un menor), ou sexting (envío de fotografías sexuais), tamén se tratarán a fondo temas como: O menor como vítima ou responsable de delitos cometidos a través de internet; A privacidade e a seguridade en Tuenti; Verdades e mentiras das redes sociais ou Consellos para o uso seguro destas.
É preciso subliñar que neste encontro intervirán expertos na materia como a Fiscal Delegada de Criminalidade Informática na provincia de Pontevedra, Marta García de la Concha; o responsable do equipo de Delincuencia Tecnolóxica da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Gonzalo Sotelo; a pedagoga do Soporte de Usuarios en Tuenti, Blanca Díaz-Pabón Bascuñán e os Enxeñeiros Técnicos en Informática (colexiados do CPETIG) Jonathan Gándara Alonso e Enrique González Sanmartín.
Engadir que os interesados en asistir ao seminario Os menores e o uso seguro das redes sociais poderán tamén facelo a través de videoconferencia dende diversos puntos de Galicia, grazas ás aulas da Rede CeMIT situadas en: Fisterra, Boiro, Betanzos, Burela, Lugo, A Guarda, Leiro, Pontedeume, Celanova, Ortigueira, Barreiros, Xunqueira de Ambía, Vilanova de Arousa, Verín, Valga, O Porriño, Ponteareas, Lalín, A Coruña e Sarria.
Para acceder a máis información sobre este seminario xa se atopa dispoñible o programa do mesmo.
Riscos e oportunidades das redes
Segundo informan as entidades organizadoras deste evento, cómpre deixar claro que a Internet nunca é negativa de por si (depende do uso que se faga dela e de como a empreguen os demais internautas), nin é algo que se poida cualificar de xeito unívoco como perigoso, xa que é certo e está demostrado que as redes sociais e Internet en xeral teñen hoxe en día un enorme potencial para a comunicación, a aprendizaxe, a achega de coñecemento, a produtividade económica, a atención a persoas en risco de exclusión social ou o voluntariado en tódalas súas manifestacións. Pero o feito de que haxa tanta xente dándose cita ao seu acubillo coa vantaxe do anonimato e todo unido á inexperiencia dos usuarios novos, pode xerar novos riscos que precisan ser identificados e estudos. Deste xeito, informa o CPETIG, prácticas como o ciberbulling (acoso entre menores), o grooming (acoso entre un adulto e un menor), o sexting (envío de fotografías sexuais), empezan a ser de uso corrente, facéndose necesario establecer mecanismos e canles de control e denuncia, na que a colaboración entre pais, educadores e a sociedade en xeral é absolutamente necesaria. Neste contexto, desde o CPETIG búscase ofrecer a través deste tipo de actividades “ferramentas para que pais, nais e profesores teñan recursos cos que axudar aos menores a afrontar a cara menos amábel da Rede e dese modo dar forma ao seu futuro dixital; primeiro coñecendo os perigos e segundo, ofrecéndolles respostas ante eles nas que os valores, a comunicación e o fomento do sentido crítico xogan un papel fundamental”.

PUBLICIDADE