O CCII prepara unha nova edición do curso en liña sobre o Dereito na Rede

venres, 1 de marzo do 2013 Redacción

O Consello de Colexios de Enxeñeiros en Informática (a versión estatal do noso CPEIG, no que, por certo, tamén se integra o colexio galego) está a presentar estes días unha nova edición do seu curso en liña Aspectos legais de Internet e das TIC, unha actividade encamiñada a achegar contidos e metodoloxías de traballo relacionados co Dereito no eido da Sociedade da Información. Por exemplo: cales son os límites de uso e exposición de datos alleos, propiedade intelectual, regulamentos para o comercio electrónico, etc. O CCII, para que a máxima cantidade de profesionais poida tirar partido da actividade, ten en marcha unha serie de descontos importantes para os alumnos que pertenzan aos colexios que integran o Consello. Este curso, informa o CPEIG, conta coa experiencia real de realización no colexio galego, cunha boa valoración ao respecto. Agora, o CCII recolle a testemuña para que sexa de aproveitamento en tódalas entidades estatais.
Os beneficios aplicaranse tanto a membros colexiados coma a pre-colexiados, para o cal haberá que indicar a entidade de pertenza no formulario de matricula. O prazo de inscrición remata o 1 de abril. Respecto aos contidos propiamente ditos da actividade, dicir que se trata dun curso fundamentalmente práctico, aínda que tamén hai teoría, e que entre outras cousas fornece aos profesionais dunha completa e actualizada análise da xurisprudencia, ou sexa, das sentenzas xudiciais vinculadas ao eido TIC, non só en España, senón tamén en Europa. Os destinatarios son enxeñeiras/os en Informática integradas/os no CCII ou nos colexios territoriais correspondentes. O director do curso é Pablo García Mexía (Madrid, 1964), profesor de Dereito e Goberno de Internet no College of William & Mary (Virginia, EE.UU.) e letrado das Cortes Xerais.
A continuación damos conta do programa:
· Semana do 8 ao 14 de abril de 2013. A Regulación da Rede. Bases e Novas Tendencias (Big Data, Cloud Computing, Internet das Cousas...). 4 Horas. Prof. Dr. Pablo García Mexía.
· Semana do 15 ao 21 de abril de 2013. Implicacións Legais das Telecomunicacións (Operadores, Redes, Servizo Universal...). 4 Horas. Prof. Dr. López Álvarez.
· Semana do 22 ao 28 de abril de 2013. Protección de Datos (Réxime vixente e Proxectos europeos). 4 Horas. Prof. Villarino Marzo.
· Semana do 29 de abril ao 5 de maio de 2013. A Propiedade Intelectual na Rede (Copyright, Redes P2P, Streaming...). 4 Horas. Prof. Dr. Bondía Román.
· Semana do 6 ao 12 de maio de 2013. Internet e Propiedade Industrial (Nomes de dominio, Marcas, AdWords...). 4 Horas. Prof. Dr. García Mexía.
· Semana do 13 ao 19 de maio de 2013. Dereito do Comercio Electrónico (Contratos en Liña, Publicidade online, Consumo...). 4 Horas. Prof. Villarino Marzo.

PUBLICIDADE