O CCG presenta en Nova York un portal para a nosa emigración

venres, 8 de febreiro do 2019 Redacción

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, nunha imaxe de Antonio Hernández para El Correo Gallego

A presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, presentou hoxe en Nova York un portal sobre a diáspora galega. A cita foi no King Juan Carlos I Center, espazo dependente da Universidade de Nova York, onde seu a coñecer a plataforma de Internet impulsada pola nosa emigración perante as galegas e galegos que viven en Nova York e Nova Jersey. O portal, segundo lembrou a presidenta, é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega (CCG) encamiñada a conectar a participación da nosa cidadanía espallada polo mundo, buscando fomentar a participación profesional e creativa e o intercambio global de coñecemento, recursos e comunicacións.
Rosario Álvarez explicou tamén que o portal non ten entre as súas finalidades ser unha fonte de información máis sobre oportunidades laborais ou bolsas e convocatorias, senón converterse “nun espazo para partillar experiencias, inquedanzas e reflexións”. A plataforma, que será mantida polo Consello da Cultura Galega, porá en marcha accións para favorecer o intercambio de experiencias de desenvolvemento profesional, amais de animar aos participantes a pendurar textos ou documentos sobre as súas vivencias.
A presentación encádrase no marco do programa de contactos que a presidenta desenvolve estes días en Nova York e que comezou o mércores coa visita á Spanish Benevolent Society, máis coñecida como La Nacional. Onte visitou o Club Español e o Centro Ourensán de Newark, ademais da Casa de Galicia en Queens, onde mantivo varias xuntanzas de traballo para establecer novas vías de colaboración.

PUBLICIDADE