O CCG pon na Rede o tesouro dos nosos discos de lousa

venres, 29 de marzo do 2019 Redacción

O Consello da Cultura Galega, a través do seu proxecto Lousas, vén de pendurar na Rede unha nova e relevante contribución ao Arquivo Sonoro de Galicia, activado polo CCG para preservar e divulgar a riqueza da nosa historia a través do son. Trátase do patrimonio sonoro deixado polos discos de pedra ou de pizarra, o precedente dos discos de vinilo, con capacidade para acubillar un máximo de catro minutos en cada unha das súas caras e moi empregados para rexistrar música tradicional ou mesmo as grandes voces da lírica galega.
O proxecto web foi presentado este venres 29 pola secretaria da institución, Dolores Vilavedra, quen destacou a relevancia deste proxecto que “pon á disposición do público unha parte importante e delicada do noso patrimonio e faino con valor engadido, como son os textos explicativos e as imaxes”. Canda ela estaban a coordinadora técnica do Arquivo Sonoro, Cristina Pujales, e o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Xosé Ramón Pousa, quen fixo un chamamento á cidadanía para que contribúa a conservar este patrimonio.
Segundo fixeron saber, Lousas estréase con dúas ducias de unidades que son representativas de todo o fondo sonoro da nosa terra. “Nesta primeira selección hai una mostra da diversidade dos contidos: hai música tradicional, están algunhas das grandes voces da lírica galega, hai exemplos de diferentes procedencias e de diferentes épocas” explicou Pujales, engadindo que “desde hoxe poderemos escoitar a primeira gravación sonora galega que se conserva, é do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra e de 1904; pero tamén rexistros do gran gaiteiro da emigración galega Manuel Dopazo; composicións como Alborada ou Negra Sombra interpretadas polas voces líricas máis salientábeis da época, por exemplo Ángeles Ottein ou Ofelia Nieto…, entre outros tesouros sonoros”.
Segundo explicaron, de maneira periódica iranse subindo á Rede novas lousas coa intención de difundir mostras do patrimonio musical histórico que garda este arquivo. Tamén informaron de que este fondo chega ao Arquivo Sonoro de Galicia “principalmente por adquisición”, aínda que tamén hai doazóns, como unha lousa do himno galego realizada pola Banda Municipal de Barcelona de 1919.
O Consello da Cultura Galega encargou a dixitalización dese patrimonio, que se garda nunhas condicións medioambientais óptimas; isto é, temperatura entre 15 e 20 grados e a porcentaxe de humidade entre 40 e 50. Ademais, na rolda destacouse a fraxilidade das lousas que limita o acceso público a ese material, “de aí a necesidade da súa dixitalización”, engadiron.

PUBLICIDADE